López Izquierdo destacou que a celebración deste encontro, servirá para “poñer en valor a biodiversidade da nosa provincia, analizando e dando a coñecer, en particular, a súa riqueza micolóxica”. A Deputada subliñou “o prestixio dos expertos que participan durante toda esta xornada de carácter formativo e divulgativo”.
O evento, no que participan persoas de toda Galicia, comezou cun relatorio sobre sistemas silvopastorais, a cargo de María Rosa Mosquera Losada, profesora do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC. A continuación, o enxeñeiro de Montes Abel Yáñez Armesto guiou unha aproximación ao mundo da apicultura.
Deseguido, tivo lugar unha sesión sobre plantas medicinais e aromáticas e outra relativa a froiteiras arbustivas, a cargo das tamén profesoras do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPSC, Rosa Romero e María Belén Díaz Hernández, respectivamente, completan a primeira parte do programa matinal desta xornada.
Os froitos e as sementes das árbores, os cogomelos comestibles e os cogomelos tóxicos son outras das cuestións que abordaron neste foro os profesores da USC Santiago Pereira Lorenzo e Antonio Rigueiro Rodríguez, ademais do presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso. Xa en quenda de tarde, as persoas interesadas puideron participar nunha saída guiada ao monte para identificar e recoller cogomelos.
Obxectivos
Os obxectivos desta xornada son introducir aos asistentes no mundo da macromicoloxía; que coñezan as especies máis importantes de cogomelos comestibles e velenosos; que os profesores utilicen os recursos que ofrece a macromicoloxía nas súas actividades docentes; e sensibilizar en relación coa importancia do aproveitamento sostible deste recursos.