Site icon Crónica3.com A Mariña

Manifestación e paro dos traballadores de Mayco o 28 e o 31 de outubro

Os traballadores da Empresa Mayco (Grupo Bidueiros) Auxiliares de ALCOA no
departamento de Fundición, realizarán o 28 e o 31 de outubro unha manifestación entre as 06.00 e as 09.00 horas que percorrerá a estrada de acceso a Alcoa e a Estrada de Laxe – Morás, incluíndo un paro (folga) dunha hora entre as 08.00 e as 09.00 horas.

“Estas medidas débense á negativa a iniciar unhas verdadeiras conversas por parte da dirección da empresa (Maquinaria y Colaboraciones, S.L.) tralas xestións feitas para sermos recibidos rematado o Pacto de Empresa no 2015”, segundo indica o delegado de persoal, Miguel Díaz, que engade que “só se mantivo unha reunión o 10 de xuño na que unicamente se expuxo a proposta da dirección de empresa sen chegar a intercambiar opinións entre o proposto polos traballadores e o indicado na proposta da empresa”.

Entre as demandas dos traballadores atópase un calendario laboral dispoñible a 1 de xaneiro, permutas de quendas por escrito, indicación do horario laboral, descrición e valoración dos postos de traballo, plus de días festivos e tratificacións por traballar en Noiteboa e Noitevella ou incremento salarial na mesma porcentaxe que o convenio provincial do metal.

“Ao mesmo tempo temos inquedanzas sobre a renovación do contrato que vincula a Mayco con Alcoa -rematado en maio do 2016- ao non recibir información das negociacións con Alcoa. De non manter o contrato entre Mayco e Alcoa, os traballadores solicitamos o mantemento dos
postos de traballo, independentemente da empresa que acade o contrato”, conclúe o delegado de persoal.

Exit mobile version