Site icon Crónica3.com A Mariña

Milio dos “Remourelle Bulls” turra con forza no Alto da Cadeira

Organizado pola “Asociación Kultural Sakabeira Rock” (AKSR), o sábado 15 de outubro celebrouse no Alto da Cadeira, ao pé da ermita de San Marcos, o terceiro abreto da “Pita do Monte”, correspondente a 2ª xornada da tempada 2016.17 da LNB da conferencia NorLeste.

Un terreo bravo e irregular, acondiconado para a ocasión, foi o escenario no que os bravos palanadores da multicolor serpe billardeira, loitaron nobremente sen trégola, polos postos de honra.

A familia medra, e hoxe cheos de ledicia, demos a benvida a un novo equipo. Levan o nome de “Billarda verde” e veñen dende Castroverde. Nesta primeira ocasión con so tres representantes, a modo de avanzadilla, deu mostra de estar disposto a loita e non ser mera comparsa nesta, para eles, nova faceta deportiva.

Con medio cento de palanadores repartidos en seis grupos, as billardas, semellantes a foguetes de cores, comenzaron o seu particular baile festeiro a través do ar montañés. As billardas, por veces dotadas de vida propia, tomaban distintos camiños afastándose do varal. Ignoraban os desexos do palanador de turno e sucedéronse as trasnadas subliñadamente cando ao pouco de comenzar a xornada, caeron unhas pingas a modo de barruzo fino que trocaron unha gran parte do terreo de xogo en esbaradizas pistas de patinaxe.

Malia os pequenos contratempos o xogo seguía con gran animación cando un estourido de voces e aplausos pregoaba o primeiro varado da tempada. Migho, do equipo “Carabullo” foi quen de abrir a lata dos tiros directos. Secundárono neste apartado Santi do mismo equipo e mais tarde Pepe de Outeiro de Chainzos-Cadaval e o propio Migho que repetiu sorte.

Rematou a xornada con Milio dos “Remourelle Bulls” como gañador do aberto en solitario. Chegou con gañas e así o demostrou cedendo so dous puntos dos vintecindo posibles. Foi secundado por Markytos de “Billardeiros Musicais” e para o terceiro posto hubo de xogarse un desempate entre Jorge Galdo de “Ekipa-Bíteres” e Pepe de Outeiro de “Chainzos-Cadaval”. Foi a estrela dos Ekipa quen subiu o terceiro caixon da xornada.

En donas repite o podio da xornada anterior, voltando Geni (Bill. Musicais) a ser a mellor calificada con 18 puntos, seguida por Irea “Carabullo” e Lorena “Chainzos-Cadaval” (ou Lorena-Irea, que tando monta, xa que ambaslas dúas conseguiron candanseus 13 puntos).

En equipos repite tamén Billardeiros Musicais de Ribadeo, foron os mellores nesta xornada seguidos de Chainzos-Cadaval e de Carabullo.

Artísticos cuadros artesanais foron os premios para os gañadores individuais e unha presada de castañas para o equipo da xornada.

As clasificacións quedan así:
1º Regueiro (Troitas Bravas) 42 p.

2º Manu Pozo(Billardeiros Musicais) 40 p.

3º C.Alvariño (Polka Miseria) 39 p.

Donas
1ª Geni (Billardeiros Musicais)31 p.

2ª Irea (Carabullo) 25 p.

3ª Lorena (Chainzos-Cadaval) 14 p.

Equipos
1º Billardeiros Musicais, Ribadeo 156 p.

2º Carabullo, Outeiro de Rei 140 p.

3º Chainzos-Cadaval,Castro de Rei 139 p.

A terceira xornada está fixada para o sábado 29 de outubro en A Pontenova. Xúnguete a LNB e disfruta xogando a billarda. Billarda sempre e adiante co Varal.

Exit mobile version