Site icon Crónica3.com A Mariña

Mondoñedo celebra os 860 anos das San Lucas

Co pregón de Susana Rodríguez Gacio, de pais mindonienses e diploma olímpico Río 2016, comezaban este sábado 15 de outubro as festas das San Lucas en Mondoñedo celebrando o seu 860 aniversario con nove días de festa con orquestras tódalas noites.

Domingo, 16 de outubro. A partir das doce da mañá celebraranse os concursos morfolóxicos de cabalos de Pura Raza Galega, ademais haberá actividades culturais durante todo o día (coma a entrega do Premio Mondoñedo 2016 – Narrativa a Manuel Rivas por Os libros arden mal no salón de plenos do Concello a partir das cinco da tarde) e os concertos, a partir das sete do serán, dos galego-cataláns O Val das Mouras e Susana Seivane e Cristina Pato nun espazo inédito: o interior da Catedral.

Luns, 17 de outubro. O punto álxido do día comeza ás seis da tarde, seguindo coa tradición, momento no que chegan os cabalos desde o monte, polas rúas de Mondoñedo ata a feira. Os gandeiros xuntan aos seus cabalos, que estiveron todo o ano pastando en liberdade nos bosques da comarca, e nunha manada lévanos para o campo da feira. Xa pola noite celébrase o Festival de Música, ‘Voces da Paula’, unha gala feita polos mindonienses.

Martes, 18 de outubro. Día Grande, Día das San Lucas. A partir das oito da mañá, celebrarase a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar no campo da feira. Pola tarde o programa recolle, un Gran Festival Ecuestre a cargo das compañías: Club Hípico Maspalomas de Gran Canaria, Alberto Borjas de Burgos e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego; así como exhibicións de Volteo, doma de alta escola, traballo en liberdade, exhibición de trenzado… As San Lucas tamén terán actuacións de humor da man do monologuista Carlos Branco.

Mércores, 19 de outubro. Durante todo o día haberá actividades culturais así como a conferencia do paleógrafo e profesor da Universidade de Oviedo Miguel Calleja Porta: ‘Cidade, mercado e feira: ou privilexio de Afonso VII a cidade de Mondoñedo (1156)’.

Xoves 20 e venres 21 de outubro. Actividades para todos os públicos durante o día e festa verbena pola noite.

Sábado 22 de outubro. Espectáculo-demostración de tallado artístico en madeira con motoserras, xogos celtas populares e encontro de música e baile tradicional na Praza da Catedral; ademais do concerto no auditorio de Mayor Tom y Still River e pola noite para os máis novos con Fonsi Nieto, Xriz, DKB, Habana eventos, Vallejo e Marcos Peón.

Por último, o domingo 23 de outubro, os cabalos volven a ser os protagonistas con concursos de andadura e de cabalos trotóns. Unha sesión de fogos artificiais pechará a 860 edición das feiras máis antigas de Galicia e unha das que conta con máis tradición de toda Europa.

Exit mobile version