Burela, 14 de outubro de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, reunirase o vindeiro 18 de outubro, martes da próxima semana, con responsables do Servizo de Igualdade e Benestar. No encontro, que terá lugar en Santiago, falarase das obras pendentes para a entrada en funcionamento da nova escola infantil.
O rexedor dixo que “levamos días traballando e insistindo nunha visita que queríamos facer ao Servizo de Igualdade e Benestar. Nós evidentemente queremos poñer a funcionar o antes posible a nova escola infantil e para iso hai que realizar unha serie de obras condicionantes e complementarias que son necesarias para proceder á apertura desta escola infantil”.
O alcalde de Burela comentou que “estábamos insistindo en facer esta visita e por fin chamáronnos desde departamento de Igualdade e Benestar e imos ir o martes ás once da mañá, para falar das obras que se precisan e quedan pendentes”.
Alfredo Llano engadiu que “imos tamén tratar de organizar todo, de cómo se fai a responsabilidade da obra e ver tamén a cantidade que vai aportar cada unha das entidades, o Concello e o Consorcio de Igualdade e Benestar, ver cánto aporta cada un”.
O rexedor burelés pensa que “hai interese tanto por unha administración como pola outra para que isto vaia para adiante o antes posible. Así que calculo eu que se chegamos a bo porto, e creo que si que non vai haber dificultade ningunha de chegar a un acordo, poderemos facer estas obras o antes posible e tamén que o antes posible estea funcionando esta escola infantil, que ten por certo bastante demanda”.