Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo presidirá este martes unha reunión da comisión de Medio Ambiente da FEMP

Cervo, 3 de outubro de 2016. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, presidirá este martes en Madrid unha reunión da comisión de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) na que se aprobará un convenio coa Fundación Conama para a organización do Congreso Nacional de Medio Ambiente, no que Villares pretende que participe o maior número de responsables e técnicos das entidades locais.

O rexedor municipal cervense anunciou hoxe que “mañá, martes, vai ter lugar en Madrid unha reunión da comisión de medio ambiente da Federación Española de Municipios y Provincias, na que estou como presidente desa comisión. Na orde do día desta reunión hai asuntos que son importantes, un deles con maior relevancia como é a aprobación dun convenio coa Fundación Conama, unha institución que é a responsable última da organización do Congreso Nacional de Medio Ambiente, que ten lugar cada dous anos e ao que acoden máis de 10.000 persoas. É un foro onde se establecen os distintos debates e estudos para analizar a situación ambiental que hai en España. Tamén neste congreso se propoñen solucións para potenciar un desenvolvemento sostible, sobre todo fomentando a participación, a cooperación e o intercambio de experiencias entre os distintos profesionais que alí acoden á hora de desenvolver o seu labor nos distintos ámbitos de actuación onde estean implicados”.

O alcalde de Cervo asegura que “con este convenio queremos implicar ás administracións locais e tamén aos seus técnicos. Por iso queremos facer a maior difusión posible á hora de que intenten participar os concellos e as entidades locais, ben a través dos seus dirixentes ou dos seus técnicos; e tamén á hora de difundir as distintas conclusións e contido que poida establecerse neste congreso de medio ambiente”.

Alfonso Villares engadiu que “alí vai ter a Federación Española de Municipios y Provincias un stand propio, onde se van analizar aspectos locais porque neste encontro de Conama vai haber un apartado máis circunscrito á administración local. Por iso que nós, desde esta comisión, o que imos facer é dar a maior difusión posible as distintas entidades locais porque entendemos que todas temos que participar e concienciarnos cada vez máis da importancia que ten o medio ambiente no noso traballo e no noso día a día”.

Exit mobile version