Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo propoñerá no vindeiro Pleno a implantación de novos ciclos formativos para mellorar a oferta educativa

Na actualidade no I.E.S. PLURILINGÜE SAN ROSENDO de Mondoñedo impártense tres ciclos formativos, Ciclo Básico Agroxardinería e Composicións Florais, Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural (Oferta Modular Adultos) e Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural.

O portavoz municipal, Eloi Cabanas, explica que “a xuventude mindoniense ten que escoller entre a limitada oferta formativa que se imparte na localidade ou desprazarse a outros municipios da comarca”, e apunta que a localidade conta coas infraestruturas e terreos suficientes para ampliar a oferta educativa de ciclos formativos, como son o campo da Granxa ou as instalacións do Instituto San Rosendo.

Para o Grupo Municipal do BNG de Mondoñedo, a necesidade dunha formación profesional pública, galega e de calidade que se axuste ás demandas do alumnado, así como ao mercado de traballo, é de vital importancia para adaptar o perfil competencial do estudantado a un futuro emprego; así que propoñen instar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a que revise as ofertas de formación profesional que se imparten en Mondoñedo, co gallo de ampliar e completar a oferta de Ciclos Formativos para que sexan acordes coas necesidades de Mondoñedo e tamén de toda a comarca da Mariña e zona de influencia.

Ademais, o BNG suxire a implantación de novos ciclos que considera de interese e que non se están impartindo actualmente na comarca, como son o Grao Superior en Enerxías Renovables, o Grao Superior de Guía, Información e Asistencia Turística e o Grao Superior en Xestión de Aloxamentos Turísticos.

Ciclos de Grao Medio en Hípica
O BNG local quere dinamizar a iniciación deportiva da equitación coa proposta de dous ciclos de Grao Medio en Hípica, co ánimo de formar alumnos en actividades profesionais tanto públicas ou privadas como poden ser entidades deportivas municipais, federacións ou clubs deportivos, escolas de equitación, centros ecuestres, empresas de servizos turísticos ou de actividades extraescolares.

Para iso propoñerán un acordo do pleno do concello para instar á administración correspondente e que estude a viabilidade para que no centro de Mondoñedo se inclúan estas disciplinas xa que as instalacións da Granxa, segundo os nacionalistas, “cumpren con espazo suficiente para poder impartir estas ensinanzas”.

O voceiro nacionalista lamenta que non se “aproveitara” a inauguración oficial do curso de Formación Profesional e a presenza da Raíña de España, a principios deste mes de outubro no Instituto de Mondoñedo, para anunciar a implantación de novos Ciclos Formativos na localidade.

Exit mobile version