Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pon en marcha unha campaña en defensa de pensións dignas para os mariñeiros galegos

Santiago de Compostela, 19 de outubro, 2016. Os traballadores do mar que desenvolven a súa actividade na pesca de altura e gran altura están a padecer, por decisión do Goberno español, un ataque contra o seu dereito á xubilación. Desde Madrid decidiron que aos tripulantes galegos non se lles apliquen os coeficientes redutores da idade de xubilación que existían até agora.

O Goberno español considera agora que todos os barcos menores de 70 m. de eslora e de arqueo inferior a 1000 TRB, que son a inmensa maioría da frota pesqueira galega (palangreira, cefalopodeira e de arrastre en augas internacionais…), pasan á categoría de “fresqueiros”. Isto é, que segundo eles, pasan a faenar preto de terra e descargar peixe fresco.

Así, pasan de aplicarlle aos tripulantes un coeficiente do 0,40, que estivo recoñecido até o 2015, a aplicarlle un do 0,25 a 0,35 en función do tamaño da embarcación. Esta decisión implica que os traballadores verán aumentada a súa vida laboral. A decisión do Goberno español representa unha auténtica irresponsabilidade, vulnera os dereitos dos mariñeiros galegos e provocará accidentes no mar ao elevar a idade das tripulacións.

Non teñen escrúpulos en utilizar cartos públicos para pagar á banca, mentres aforran eliminando o dereito dos mariñeiros a unha xubilación digna. O da pesca é un traballo duro, penoso e perigoso, que rexistra a maior sinistralidade mortal entre os sectores laborais.

O BNG emprende unha campaña social para reclamar:

1. A retirada desta decisión do Goberno español.

2. Esixir da Xunta de Galiza un compromiso para demandar do Goberno español a retirada desta medida, tendo en conta que este problema afecta esencialmente a mariñeiros galegos embarcados nas frotas de altura e grande altura.

Coa campaña, baixo o lema “Os mariñeiros galegos teñen dereito a unha xubilación digna”, o BNG porá en marcha as seguintes accións:

a) Actos públicos do BNG e asembleas de explicación do problema.

b) Apoio ao proceso de mobilización promovido pola CIG.

c) Reparto de material gráfico do BNG en portos, lonxas e espazos nos concellos do litoral.

d) Presentación de mocións en todos os concellos do litoral e de iniciativas no Parlamento da Galiza.

Exit mobile version