Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón a eliminación da precariedade laboral nos parques comarcais de Bombeiros

veiga-ferreiroLugo, 21 de outubro 2016. O grupo do BNG na Deputación de Lugo, recollendo as demandas do conxunto das traballadoras e traballadores dos parques comarcais de bombeiros da provincia de Lugo, vén de presentar unha moción no Pleno da Deputación onde se solicita que a institución provincial inste ao consorcio de bombeiros de Lugo a que remate cos nove (9) contratos a tempo parcial existentes, converténdoos en contratos a tempo completo.

Dende o BNG lémbrase que estes traballadores teñen un contrato a un terzo (1/3) de xornada, polo que reciben mensualmente un salario de 390 €/mes e dada a natureza e o réxime do seu traballo, non teñen ningunha posibilidade de compaxinalo con outra actividade, co que están condenados a vivir con esa nómina sen outra posibilidade.

Para Xosé Ferreiro “esta é unha situación sempre intolerábel, pero máis aínda cando é unha administración pública quen pon os cartos para estes contratos”. “Neste caso aínda é máis sangrante dado que foi precisamente a inclusión destes contratos o que determinou que se fixera esa adxudicación a esta empresa”, continuou.

Ao mesmo tempo, tamén se solicita que o Pleno da Deputación esixa ao consorcio que remate coas diferenza salariais existentes entre os bombeiros de Lugo e os dos outros parques nas demais provincias. Así, por exemplo teríamos:

Salario bruto anual Diferenza salarial
Bombeiros de Lugo 18.000 € –
Bombeiros da provincia de Ourense 21.800 € – 3.800 €
Bombeiros do Deza 22.000 € – 4.000 €

“Ao igual que nos contratos precarios, tamén resulta incríbel e lamentábel que unha vez máis se estea a marxinar á provincia de Lugo por parte das administracións. A que o fagan as empresas privadas xa estamos acostumados, pero que tamén o fagan de xeito descarado as administración é algo totalmente intolerábel”, sentenciou Xosé Ferreiro.

Na propia iniciativa tamén vai incluído o acordo de reserva do crédito necesario para que a Deputación de Lugo faga fronte ao incremento económico que se poida producir na parte que lle corresponda á institución ao corrixir estas situacións.

Exit mobile version