O alcalde, Alfonso Villares, anunciou hoxe que “o Concello de Cervo adquiriu o inmoble da antiga cámara agraria local, que foi comprado á Xunta de Galicia. Este edificio está sendo utilizado durante estes últimos anos polo Concello, xa que nun primeiro momento estaban alí situados os servizos de Protección Civil e na actualidade está o GES. Por iso había que resolver esta anomalía, en certa maneira, de ter un servizo municipal nun edificio que era da administración autonómica de Galicia. Polo tanto decidimos compralo por un total de 25.885,82 euros. Con ese pago adquirimos este edificio, que ocupa 100 metros cadrados de superficie e que está situado nunha parcela de 510 metros cadrados”.
O rexedor municipal considera que “é unha compra moi positiva e moi interesante para o Concello de Cervo, en si pola adquisición deste ben e tamén por resolver esta anomalía de ter un servizo municipal nun edificio que pertencía á comunidade autónoma de Galicia”.