Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo convoca axudas para libros e material dos escolares de 3 a 5 anos

Cervo, 20 de outubro de 2016. O Concello de Cervo convoca agora axudas para comprar libros e outro material dos escolares de 3 a 5 anos de idade do colexio de San Cibrao e en xuño de 2017 fará o mesmo para os do centro educativo cervense.

A concelleira de Educación, Dolores García Caramés, explicou esta mañá que “o Concello de Cervo convoca axudas para a compra de libros e material escolar de alumnas e alumnos do 2º ciclo de educación infantil, de 3 a 5 anos de idade, matriculados no centro escolar público de San Ciprián para o curso 2016-2017. Nunha reunión previa á publicación desta subvención convocouse aos país e nais do outro colexio do municipio para explicarlles que esta subvención sae só para o centro Cervo Nº 1 porque neste colexio ao principio do curso escolar pídenlles todo o material e os libros para todo o ano, pero no de Cervo nos cursos de Infantil pídenlles o material ao longo do curso. Por iso, e para que ningún veciño do municipio que teña fillos ou fillas nestes cursos se quede sen subvención, en xuño do ano 2017 sairá convocada unha subvención coma esta para os alumnos e alumnas do colexio de Cervo”.

Dolores García engadiu que “estas subvencións están destinadas ás familias do concello que teñen máis dificultades para afrontar estes gastos. As axudas poden ser de 130 euros ou de 100 euros por alumno ou alumna, dependendo da renda per cápita da familia. Para esta iniciativa o Concello de Cervo destina un total de 5.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Cervo rematará o 15 de novembro”.

A edil de Educación rematou comentando que “esta iniciativa, que o Concello de Cervo ten en marcha dende hai anos, demostra que este goberno municipal segue apostando pola educación, xa que é algo que nos importa moito e por iso a apoiamos deste xeito. Nesta ocasión, como xa se fixo o ano pasado, dende O Concello de Cervo estamos enviando aos domicilios de todas as familias dos nenos e nenas matriculados no ciclo de Infantil no colexio Cervo Nº 1 cartas con toda a información sobre esta convocatoria e a folla que teñen que cubrir para solicitar esta axuda. O mesmo faremos en xuño do 2017 para os alumnos e alumnas do colexio de Cervo”.

Exit mobile version