Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo inicia a construción dun refuxio para animais abandonados

obras-refuxio-cervCervo, 17 de outubro de 2016. O Concello de Cervo iniciou a construción dun refuxio para animais abandonados que se localizará no polígono industrial de Cuíña nunha parcela de propiedade municipal. O investimento ascende a 53.772 euros. As obras foron visitadas este xoves polo alcalde, Alfonso Villares, e a concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez.

O rexedor municipal anunciou hoxe que se iniciaron “unhas obras que estamos a acometer no polígono industrial de Cuíña. Trátase da construción dun refuxio de animais. Está nunha parcela que é propiedade do Concello de Cervo, ten unhas dimensións de 1.526 metros cadrados e a superficie onde se van facer as instalacións deste refuxio de animais é duns 338 metros cadrados”.

Alfonso Villares engadiu: “eu creo que van ser unhas instalacións moi dignas para poder albergar nelas os animais e así desde o Concello de Cervo en colaboración coa asociación Coletiñas, que é un colectivo en defensa de animais que temos no noso concello, imos poder cubrir unha necesidade que eu creo que por desgraza nestes tempos cada vez é máis demandada, como é a aparición de animais domésticos abandonados polas nosas rúas”.

O alcalde subliña que “o proxecto desta construción é de 61.915 euros pero foi adxudicado en 53.772 euros, xa que houbo unha baixa que é moi importante porque esta construción vaise facer exclusivamente con fondos e recursos municipais”.

Villares salienta que “é un proxecto que está feito da mao dunha asociación do noso municipio e tamén da propia concienciación que ten este Concello de Cervo á hora de ver realmente que hai unha necesidade neste sentido que é de poder albergar estes animais abandonados. Nós, desde o Concello de Cervo, queremos ter un refuxio máis que digno para que sexan sobre todo os mozos e as mozas desta asociación quen fagan este traballo altruísta de atender a eses animais”.

Exit mobile version