O rexedor municipal cervense anunciou: “hoxe achegámonos ata a parroquia de Rúa e alí estivemos con representantes da comunidade de montes desa parroquia”. E explicou que o motivo da visita era “ver unhas actuacións que fixemos para a pavimentación duns accesos a un lugar no que a comunidade de montes de Rúa pretende facer un polideportivo. Diante desa petición decidimos desde o Concello de Cervo darlle prioridade a esta obra para polo menos ter preparados estes accesos para esa futura construción que os veciños de Rúa queren facer na súa parroquia”.
Alfonso Villares detallou que “para esta actuación o presuposto total foi de 39.204 euros, dos cales unha parte deles viñeron subvencionados pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en total 25.920 euros da Xunta de Galicia, e o resto, que son 13.284 euros, foron aportados polo Concello de Cervo a través dos seus propios recursos”.
O alcalde sinalou que “é unha actuación importante porque accedemos á petición dunha parroquia e duns veciños para os que agora mesmo é prioritario levar adiante esta actuación. Por iso desde o Concello de Cervo poñémonos ao servizo deles, como estamos a facer co resto das asociacións do municipio para intentar na medida das nosas posibilidades levar adiante todas esas actuacións que nos piden”.