Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo mellorará a accesibilidade nas zonas urbanas do municipio

Cervo, 31 de outubro de 2016. A finais deste ano darán comezo as obras de mellora da accesibilidade que o Concello de Cervo levará acabo en San Cibrao, concretamente na Avenida da Mariña. Será o primeiro dunha serie de proxectos deste tipo que acometerá nas zonas urbanas do municipio.

O alcalde, Alfonso Villares, anunciou este luns que “desde o Concello de Cervo imos levar adiante nestes próximos anos unha serie de proxectos que van ir dirixidos a mellorar a accesibilidade nas nosas zonas urbanas. Nun primeiro lugar as actuacións que imos realizar van ser en San Ciprián, en concreto na Avenida da Mariña, onde temos dispostos desde o ano 2007 unha serie de pasos elevados que foron feitos nun primeiro momento sobre todo para garantir a seguridade dos viandantes no núcleo urbano de San Cibrao porque entendemos que a función que fan de seguridade e de diminuír a velocidade dos vehículos que pasan por San Cibrao eu creo que é moi positiva e ademais foi algo moi entendido por parte de todos os veciños”.

O rexedor municipal engadiu que “os pasos elevados que fixemos son de adoquín, a través dun convenio coa Delegación de Costas de Lugo, un material que dificulta bastante o tránsito por eles das persoas que teñen que desprazarse en cadeiras de rodas. Polo tanto vemos necesario facer un cambio e unha modificación nestes pasos elevados”.

Alfonso Villares explicou “este primeiro proxecto que imos realizar vai consistir nunha primeira parte en eliminar os pasos elevados de adoquín de granito que temos postos na Avenida da Mariña, que teñen ese firme que non é regular ao andar e que non permite unha boa rodaxe tanto de cadeiras de rodas como de carriños. A solución que imos adoptar vai ser poñer uns novos pasos elevados, que neste caso van ser realizados en formigón, e as beirarrúas tamén imos poñelas con distintos pavimentos, segundo o caso, sempre para mellorar a accesibilidade das distintas persoas que transitan polo núcleo urbano de San Cibrao”.

O alcalde de Cervo comentou ademais: “entendemos que esta actuación axuda tamén a mellorar a humanización das nosas vilas e pobos; e aí é onde imos tamén esforzarnos durante estes anos”.

Villares salienta que “para a primeira actuación, que vai ser na Avenida da Mariña, xa temos subscrito un convenio coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio dun total de 98.154,58 euros, que foi subscrito no mes de agosto deste ano 2016. O proxecto comezará a realizarse a finais de ano e entre este e principios do que vén xa o teremos realizado”.

O rexedor municipal quere “agradecerlle á Xunta de Galicia a axuda para levar adiante este proxecto, ao que se sumarán outros para os que tamén buscaremos financiamento, ben sexa a través doutras administracións ou con fondos propios do Concello de Cervo”.

Exit mobile version