Foz, 24 de outubro de 2016. A área de Arquivo do Concello de Foz continúa cos traballos de dixitalización das actas do pleno da corporación municipal e agora leva a cabo as das comprendidas entre os anos 1983 e 1943.
O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anunciou que “nestes días estase procedendo, cunha subvención da Xunta de Galicia máis un investimento de fondos propios do Concello, á dixitalización das actas de pleno desde o ano 1983 ata o ano 1943”.
Javier Castiñeira lembra que “o ano pasado, tamén cun investimento similar, fixéranse desde a actualidade ata o ano 83, e agora avanzamos outros corenta anos na dixitalización”.
O rexedor focense explica que “é un investimento de case 4.000 euros, dos que a metade practicamente é cunha subvención da Xunta de Galicia e por outro lado fondos propios do Concello”.
Castiñeira quere “felicitar por esta actividade á área de Arquivo do Concello de Foz, que é un dos arquivos que mellor funcionan de toda Galicia e así está considerado tamén polos órganos superiores de arquivos de Galicia”.
O alcalde de Foz subliña que esta iniciativa lévase a cabo “en aras de manter esa documentación en mellor estado e sobre todo moito mellor acceso, non soamente para os propios funcionarios municipais senón tamén para todos aqueles veciños que grazas á administración electrónica poidan ou desexen ter acceso a esta documentación de actas de pleno que imos ter dispoñibles ata o ano 1943”.
Javier Castiñeira insiste en “dar os parabéns ao servizo de Arquivo” e asegura que “a idea deste Concello é tratar de seguir dixitalizando e prosperando na administración electrónica, que en definitiva é o futuro, neste caso do Concello de Foz”.