Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Mondoñedo pon en marcha unha campaña de sensibilización para que se cumpra a Lei de Montes e tratar así de previr os incendios forestais

Mondoñedo 12 de outubro de 2016.- O Concello de Mondoñedo vén de poñer en marcha unha campaña de sensibilización da veciñanza para concienciar da importancia de cumprir a Lei de Montes, no eido da prevención de incendios. Así o avanzou a rexedora, Elena Candia, quen apuntou que “neste senso, enviamos cartas informativas a todos os veciños e veciñas da localidade pedindo colaboración e recordando a importancia de cumprir a referida Lei de Montes” e, engadiu, “celebraremos tamén diversas charlas de concienciación polo rural”.

Candia precisou que “dende o Goberno Local marcámonos este obxectivo para estar preparados de cara ao vindeiro verán, época de maior confluencia de lumes, e por iso comezaremos a traballar de inmediato”.

A alcaldesa recordou que a prevención neste eido “é unha tarefa de todos” e recalcou a importancia da colaboración veciñal “para manter limpas as parcelas como punto clave para evitar a propagación dos incendios”.

A rexedora salientou tamén que dende o Concello mindoniense están levando a cabo un ambicioso plan de desbroces en todas as parroquias da localidade “do que xa estamos a piques de rematar as 10 hectáreas de maleza desbrozada”. E recordou que estás actuacións, dependentes das Concellerías de Obras e Medio Rural do Concello, contan co financiamento da Xunta de Galicia.

Candia quixo recalcar ademais que “o obxectivo principal de todas estas medidas que levamos a cabo é o de sensibilizar a todos os veciños e veciñas sobre a necesidade de coidar e preservar o entorno natural do noso municipio”.

Exit mobile version