Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo deberá adoptar medidas para non exceder a regra de gasto estipulada por lei

Ribadeo, 25 de outubro de 2016. Este mércores haberá pleno extraordinario no Concello ribadense para aprobar un plan económico financeiro derivado da liquidación do orzamento xeral de 2015. O Concello deberá adoptar medidas para non exceder a regra de gasto estipulada por lei. Ao alcalde, Fernando Suárez, parécelle unha medida inxusta, xa que o Concello dispón dun superávit de 1.300.000 euros e algunha partida podería destinarse á mellora de determinados servizos públicos ou a investimentos en obras.

O rexedor contou que “neste pleno extraordinario previsto para este mércores soamente hai un único punto que é a aprobación do plan económico financeiro derivado da liquidación do orzamento xeral de 2015. É unha cuestión que soa moi rimbombante e realmente non é nada doutro mundo e é máis é bastante inxusto para o Concello de Ribadeo”.

Suárez Barcia explicou que “da liquidación do orzamento do ano pasado incumprimos unha cuestión que está na lei desde hai tres anos, incumprimos a regra de gasto no que recolle esta lei orgánica de estabilidade orzamentaria, dado que do 2014 ao 2015 non debíamos superar o 1´3% de gasto con relación ao ano anterior e finalmente fixémolo no 2% máis ou menos. Tivemos uns 172.000 euros máis de gasto que o que debíamos e hai que ter en conta que é sobre un orzamento liquidado de máis de 9 millóns de euros”. O alcalde subliñou: “pero quero dicir que non o fixemos porque nos volvéramos tolos, senón porque usamos o remanente de tesourería, usamos parte do fondo do superávit que ten o Concello desde hai uns anos. E incorporamos crédito derivado dunha herdanza dunha señora que morreu e quixo deixar unha parte da súa herdanza ao Concello para que executáramos obras no hospital asilo como así fixemos, e polo tanto este diñeiro, aproximadamente 90.000 euros, non se puido deducir da regra de gasto ao non vir dunha administración pública, senón dunha persoa física privada”.

Fernando Suárez engadiu que “tamén usamos unha parte deste fondo de superávit para pagar aos provedores que presentaron as súas facturas fora do prazo establecido para iso, é dicir do exercicio 2014 presentáronas no ano 2015, non foi culpa do Concello senón deles por presentalas tarde. Neste caso tivemos que recoñecer extraxudicialmente uns 80.000 euros e da suma disto saen os 172.000 euros. Polo tanto debemos aprobar un plan económico financeiro, que ten unha vixencia de dous anos, que recolla medidas para volver estar nos límites de gastos que permite o Ministerio. Como a situación económica do Concello é positiva, é dicir o remanente de Tesourería é de máis de 1.300.000 euros, o resultado orzamentario é positivo de todos estes últimos anos, a capacidade de financiamento témola máis que de sobra, etc, e a única medida que se estima que procede adoptar é a de declarar a non dispoñibilidade de crédito, é dicir que non imos gastar 280.000 euros, o que por outra parte é lóxico xa que este crédito que prevíamos para concluír as obras da residencia logo afortunadamente veu de man deste novo convenio coa Deputación Provincial de Lugo, porque coa a Xunta de Galicia aínda estamos esperando ao día do xuízo final”.

O alcalde rematou a súa explicación sinalando que “en definitiva esta é unha circunstancia puntual e concreta que non é estrutural, e que ademais é inxusta porque estas normativas que lles esixen aos Concellos non gastar de máis por unha banda parecen lóxicas, pero tal como están reguladas non deben impedir que cando hai unha xestión positiva, cando hai remanentes positivos, cando os resultados orzamentarios son positivos, usemos recursos para facer inversións ou para mellorar os servizos públicos. É unha maneira tamén de maniatar aos Concellos que queren ser un pouco rebeldes e que dentro da lei e con sentidiño queremos facer cousas, parece que lles molesta que queiramos facer cousas”.

Exit mobile version