Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno presenta ao Pleno un investimento de 100.000 euros para ampliar o Club Kayak de Foz

O Goberno da Deputación presenta ao Pleno do martes unha proposta para achegar 100.000 euros ao Club Kayak de Foz. Con este orzamento, o Executivo Provincial busca financiar, practicamente na súa totalidade, a ampliación das instalacións desta entidade a través da execución do proxecto de construción dun novo hangar de piraguas.

O Executivo Provincial resposta con esta proposta á petición que lle formulou o club, indo un paso máis alá, pois inclúe un anticipo do 80% do total da axuda.

Para facer esta proposta, o Goberno da Deputación tivo en conta a relevancia desta entidade para o piragüismo na provincia. O Club Kayak de Foz naceu en 1983. Organiza a proba de piragüismo máis antiga de Galicia, como é a Travesía de Foz, coa que tamén decidiu colaborar o Executivo Provincial con 7.000 euros. Ano a ano, esta entidade incrementa o seu número de licenzas federativas.

Esta colaboración, que se enmarca na aposta do Goberno da Deputación polo pulo ao piragüismo na provincia luguesa, sumase ás axudas de 200.000 euros que este ano se concederon aos 7 clubs desta práctica deportiva que hai na provincia, así como aos 85.000 euros que o Executivo Provincial comprometeu a estas entidades para ao 2017.

Este último orzamento é para que sexan os propios clubs os que directamente xestionen a escola a escola de piragüismo de titularidade provincial, para contratación de máis monitores de adestramento, adquisición de novo material técnico, así como para a promoción do piragüismo no conxunto do territorio lugués, con campañas divulgativas que se levarán, por exemplo, aos centros educativos.

Exit mobile version