Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración coa UNED e Radio Foz, organiza o VIII Vídeo Fórum Mulleres no Mundo

Un ano máis o Observatorio da Mariña pola Igualdade aposta polo cinema como medio para coñecer e afondar na realidade de mulleres doutros lugares máis ou menos afastados da Galiza. Para a VIII edición do vídeo fórum Mulleres no Mundo o Observatorio da Mariña Pola Igualdade contará como nas edicións anteriores coa colaboración da UNED e de Radio Foz . Son máis de 34 as películas ofertadas a través das cales puidemos achegarnos ao cinema de Israel, Afganistán, Irán, France, India, Líbano, Serbia, Sénégal, Ecuador, EE.UU, Argentina, Peru, Bosna i Hercegovina, Canadá, Suisse, Arábia Saudi, España, Inglaterra, ..Cinema dirixido na súa maioría por mulleres , cinema recoñecido e premiado, mais que moitas veces non chega ás carteleiras das salas da Mariña nin das cidade galegas.

O Vídeo fórum Mulleres no Mundo que organiza o Observatorio aposta polo cinema dirixido por mulleres sendo nesta edición o 50%.
Son catro os filmes que se proxectarán nesta edición:
Data 3 novembro.
• Mustang, dirixida pola directora Deniz Gamze Ergüven. 2015.
“Aspirar á liberdade”, así define a directora turca Deniz Gamze Ergüven a súa primeira longametraxe. Unha historia escrita a catro mans xunto coa tamén directora e guionista Alice Winocour. Un guión ao que Ergüven aporta detalles autobiográficos da súa propia infancia para describir o que significa ser muller en Türkiye. Obra de rabiosa rebeldía.

Data 10 de novembro.
• Evelynn, dirixida por Isabel de Ocampo. 2011
• A directora debuta na longametraxe con esta dura película que se interna nas entrañas dun mundo aterrador no que as mulleres son tratadas como mercancía. Unha película que coloca o obxectivo da cámara en temas como a trata de brancas, a emigración forzosa,, e a situación de desamparo da inmigración fronte ás redes do crime organizado. A película segue a Evelyn na súa viaxe e descenso aos infernos da trata, desde a súa aldea no Peru até o prostíbulo na fronteira entre España e Portugal, lugar que acabará sendo súa prisión física e mental.

Data 17 de novembro.
• Difret, do director Zeresenay Mehari. 2014.
Esta traxedia, baseada nun feito real ocorrido perto de Addis Abeba, serviu para denunciar a “telefa”, unha prática que era común en Etiopía. Segundo un rito tradicional, calquera agresor pode evitar a condena de violación dun tribunal sempre que case coa vítima. O argumento de Difret (Valor) céntrase na loita da avogada Meaza Ashenafi (Meron Getnet) que, valéndose dunha rede de letradas, procura que Hirut (Tizita Hagere) de 14 anos, non sexa condenada a cadea perpetua. Unha loita contra a pena de morte e dos prexuízos contra as mulleres en Etiopía. A película levou o Premio do Público no Festival Sundance (2014) ao mellor filme internacional e o mesmo galardón no Festival de Berlín (2014). Excelente pola súa factura, a valentía da denuncia e a espléndida interpretación das dúas actrices protagonistas.

Data 24 de novembro.
• Shirley Valentine, do director Lewis Gilbert. É un filme cómico do ano 1989 sobre o empoderamento dunha muller, ama de casa inglesa, aburrida da súa rotineira vida, vencida polas circunstancias e ignorada polo seu entorno familiar. Antes de levala ao cine, a representación teatral de Shirley Valentine foi éxito rotundo en Broadway. Parte filmada en Grecia, na Illa Mikonos, onde a protagonista emprende unha viaxe de recoñecemento e valoración cara si mesma.

Como nas edicións anteriores, as sesións do VIII Vídeo fórum estarán acompañadas por socias do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación do filme, para a seguir proxectar a película.
A continuación, realizarase o debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía de participación aberta na que a moderadora sexa condutora das reflexións do grupo.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as achegas das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Ao igual que nas últimas edicións, retornase ao formato do café-debate. O Observatorio convidará a bebidas quentes e pastas ás persoas asistentes para facilitar un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

O VIII Vídeo fórum Mulleres no Mundo desenvolverase no salón de actos da UNED de Foz durante catro xoves consecutivos, a partir do 3 de novembro, en horario de 19 a 21 horas. O prazo de inscrición está xa aberto, e na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, estándose a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou acudindo en persoa ás aulas da universidade, en Foz, na rúa Castelao, s/n.

Exit mobile version