Site icon Crónica3.com A Mariña

O peche de Caramelo

A marca textil galega Caramelo bota o peche; detrais de si queda unha loita enconada pola supervivencia, o combate a vida ou morte do que sabe que se está a xogar o todo polo todo.

Certo é que os últimos anos non foron un camiño de viño e rosas, no ano 2007 prodúxose un cambio de administración e no 2014 a saída do concurso de acredores coa textil transformada nunha empresa máis pequena.

O martes 25 de outubro foi a data do desenlace: solicitude da Corporación Inveravante de Manuel Jove –principal accionista- de liquidación no Xulgado do Mercantil de A Coruña e suspensión de pagos. Requiescat in pace.

Lonxe queda aquel ano fundacional 1985 e a posterior eclosión do textil galego representado no triunvirato Domínguez, Verino e Caramelo. Os 90´foron anos de expansión e crecemento da moda autóctona que se amosaba nos escaparates nacionais e internacionais.

Postos a escrutar obxectivamente a situación e sacar conclusións é seguro que a dirección da firma non foi capaz de atopar o seu nicho de mercado nun espazo xa totalmente polarizado: lonxe do low cost das multinacionais e afastada tamén da exclusividade das grandes firmas de alta costura; off side, que se di no argot futbolístico.

Neste contexto non deixa de semellar curioso que quen estea a gañar por goleada, sen parar de marcar goles pola escuadra, sexa tamén o veciño que si soubo ler o partido: Inditex ben vale un potosí.

Ao marxe tamén das conclusións atopámonos coa realidade obxectiva das cousas, a material, a positiva: 169 traballadores afectados, 79 en Galicia, dos cales 61 son empregados de fábrica e 19 de tenda, todos eles historias reais, persoas con rostro e familias detrais delas. Algún lugar atoparán.

E por outra banda a responsabilidade solidaria de todos os galegos; a Xunta a través da súa sociedade de capital risco XesGalicia mantén unha participación do 7% na empresa e préstamos públicos que superaron os 16 millóns de euros; da a impresión de que, de novo, no contexto libre da economía de mercado ao final, ineludiblemente, sempre se esixen responsabilidades espurias ao contribuínte.

Galicia sempre foi sector primario, sempre foi pesca, gandería e agricultura, sectores todos eles, en maior ou menor medida, depauperados e golpeados pola crise e pola política. Algún día houbo un tecido industrial, comezou a xermolar a actividade fabril, hoxe o sector industrial agoniza e loita a vida ou morte. O sector servizos repuntará cando os dous anteriores poidan desenrolarse con solvencia, tal como sucede no países ricos onde ofertan produtos de alto valor engadido.

Os últimos tempos non convidan ao optimismo no noso país, empresas icónicas que se extinguen coma a liquidada Caramelo e outras –coma a nosa cerámica de Sargadelos- que loitan obstinadamente por recuperarse; o termo ERE forma parte xa do noso vocabulario cotián incrementándose un 15,2% nos meses comprendidos entre xaneiro e agosto como consecuencia do denominado efecto PSA.

Hoxe a conclusión é clara: renovarse ou morrer.

 

Exit mobile version