Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG advirte que “o voto do PP na Deputación podería deixar sen as novas instalacións ao Club Kayak de Foz”

Lugo, 25 de outubro 2016. O BNG lamenta que o Partido Popular vote en contra da aprobación do convenio para o arranxo das instalacións do Club Kayak de Foz. En dito convenio contemplábase unha subvención de 100.000€ a tal efecto, pero a actitude do PP no pleno e da súa portavoz Elena Candia tirou por terra as aspiracións deste club histórico do piragüismo lucense, e as ilusións de centos de rapaces e rapazas e das súas familias.

Este proxecto de adecuación das instalacións do club focense arrancara cando a Delegación de Deportes da Deputación dependía do BNG, continuou co goberno do PP e agora ía concretarse cun goberno do PSOE. Non se entende que despois de ser aprobado por unanimidade de todos os grupos na comisión informativa do pasado xoves, agora o PP se volva atrás, só por un capricho de Elena Candia, que non dá entendido que ela non é a presidenta da deputación.

Lamenta tamén o BNG que dous mariñáns coma Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove, e Yanes Ginzo, ex alcalde de Trabada e que ostentou tamén a delegación de deportes na deputación, se pleguen aos caprichos persoais da Sra. Candia e desprezen con esta impresentable actitude a todo o mundo do deporte e especialmente ao mundo do piragüismo. Con esta postura, antepoñendo os caprichos persoais ao interés xeral, o Partido Popular queda perfectamente retratado na comarca da Mariña e en toda a provincia.

O BNG quere trasladar tamén á directiva e a toda a gran familia do Club Kayak o seu apoio para que esta importante obra poida sair adiante e para que este club poida seguir desenvolvendo a importante labor que vén realizando no eido deportivo e social.

Liña de FEVE
Coa mesma actitude ca na aprobación do convenio do Club Kayak, o PP tamén impedíu que saira adiante unha proposta do BNG na que se instaba ao Goberno do Estado “a que proceda á actualización da rede de ferrocarril de FEVE con frecuencias e traxectos adecuados ás necesidades sociais e de mobilidade que permitan convertir este tren nun verdadeiro e moderno medio de comunicación para a comarca de A Mariña, no relacionado co transporte de persoas e mercadorías”.

Esta proposta era unha emenda que o BNG presentou á unha proposta do goberno provincial para o impulso da modernización e mellora dos servizos ferroviarios na provincia de Lugo, sendo aceptada esta emenda de engádega polo propoñente.

E tamén neste punto, dous mariñáns, Yanes Ginzo, e Demetrio Salgueiro, alclade de Xove, concello moi afectado nesta proposta, volven a plegarse aos caprichos persoais de Elena Candia.

Exit mobile version