Site icon Crónica3.com A Mariña

Ollomao trae o sábado a Barreiros ao Grupo de Teatro de Ribadeo

O grupo de Teatro de Ribadeo representará ‘O inspector’, unha adaptación da comedia do novelista e dramaturgo ucraíno, Nikolái Gógol, o sábado 5 de novembro no Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros. A representación, encadrada no programa Buxiganga da área de Cultura da Deputación Provincial e organizada polo Colectivo Cultural Ollomao, iniciarase ás 20.00 horas. As entradas terán un prezo simbólico de 2 €.

O argumento da obra baséase na típica confusión cómica: nunha perdida vila de Galicia, o alcalde e os funcionarios do concello están agardando a un «inspector xeral» enviado desde a capital para investigar os abusos ecorruptelas cometidos nesa administración local. A chegada dun home misterioso, confundido co inspector, desencadeará unha vertixinosa espiral de enganos e subornos, reflexo dunha total irresponsabilidade e ausencia de mesura.

O inspector é unha divertida sátira acerca da cobiza e da estupidez dos burócratas.

Desde o Colectivo Ollomao animan a toda a veciñanza a pasar un momento agradable na compaña dos nosos veciños de Ribadeo e a desfrutar dunha obra que de seguro lles vai facer rir e pensar.

Exit mobile version