Site icon Crónica3.com A Mariña

Por que creamos o Premio Mondoñedo10?

Mondoñedo é literatura (poesía, narrativa, teatro) e chámase Escola de Cantores do Nadal, Escola Poética do Seminario ou Leiras, Cunqueiro, Noriega, Jácome … e moitos nomes máis, mortos ou vivos como Marina Mayoral.

Mondoñedo é ensaio e historia e chámase Lence, Mayán, Cal Pardo … e agora Xe Freyre, Requeixo, Meilán, Félix Villares, García Doural. Mondoñedo é música e chámase Veiga, Pacheco, Capela da Catedral, orfeóns, coros, bandas, orquestras … e Mestre Paceco, Moncho García, Xan Carballal, Xulia Nogueira, Carmen Rodríguez Lage.

Mondoñedo é plástica e chámase G. Fraga, José Mª Rodríguez, Quique Guerra … e Juan Puchades, Vizoso, Caxigueiro, Artiaga, González Torterolo, M. Leivas, Alicia Puchades.

Mondoñedo é artes escénicas e chámase Manuela Rey. Mondoñedo é cine e chámase Victoriano López. Mondoñedo é xornalismo (unhas 80 cabeceiras de todo tipo desde 1856) e chámase J. M. Palacios. E tamén é historia da imprenta, artesáns, museos, incunables, bibliotecas …

Mondoñedo é medicina, ciencia … e suma 860 anos de historia como cidade, antiga capital de provincia dun reino que xa non hai, capital dunha diocese que naceu no século VII e que atenderon bispos de toda condición, incluído Antonio de Guevara.

Mondoñedo é Pardo de Cela, un seminario de 450 anos polo que pasaron milleiros de alumnos que encheron o país non só de cregos senón que tamén de talentos nas máis variadas disciplinas e saberes.

Mondoñedo é tan só un nome, un topónimo con prestixio de seu ao que agora toca engadir o máxico número “10”, o do sobresaliente, o da potencia elevada a “10” coa que pretendemos multiplicar desde a humildade ata o infinito o seu futuro.

Mais, que futuro? Todos os futuros! Sobre todo aquel que estea en comuñón coa súa historia, cun pasado cicelado pola creación cultural.

Coa posta en marcha deste premio, para o que se establecen dez modalidades creativas (narrativa, poesía, teatro, ensaio, historia, música, plástica …) ata completar un ciclo de dez anos, pretendemos que o nome Mondoñedo se una ao dos títulos das mellores creacións galegas, en galego, dos 10 anos anteriores ao da convocatoria; unha volta atrás, unha mirada panorámica ao rastro que deixamos. Dez modalidades, dez anos, dez premios de dez que van levar de apelido canda si e para sempre o nome de Mondoñedo.

O estipendio previsto non é monetario porque Mondoñedo, ademais de humilde, é tan pobre en cartos como rico en arte e en artistas. O premio é un modesto diploma e unha obra de arte única e irrepetible, que para esta edición creou o noso veciño, delicado artista, Caxigueiro.

Nesta edición buscamos a mellor obra narrativa editada en galego entre 2006 e 2015. Sexa cal sexa, a obra elixida será excelente. Sabemos que poderiamos engadir aos 6 títulos escollidos como finalistas outros moitos que o merecerían. Por iso é de agradecer a imprescindible e valente colaboración do xurado. Os seus nomes e as institucións que representan (RAG, CCG, AELG, Pen Clube, AGE e Fed. Librarías) son quen dá realmente brillo e esplendor ao este premio acabado de nacer e que se chama Mondoñedo10.

Antonio Reigosa –cronista oficial de Mondoñedo.

Exit mobile version