O sábado 1º de outubro daba comezo no campo da festa de Ponte de Outeiro, a Liga Nacional de Billarda na conferencia NorLeste.
Nun fermoso entorno, un gran número de palanadores se deron cita para darlle a benvida a esta nova tempada que promete ser das máis emocionantes e competidas.
Coas novas normas de non limitar o número de xogadores por equipo, produciuse unha enorme revolución:
-Desaparecen como equipos Pena Verde e Extensión Billarda. Parte dos seus compoñentes fan un novo equipo que a súa vez se xunta con O Cadaval e xurde un moi potente equipazo co nome provisional de Chainzos Cadaval.
-Outra parte dos xogadores de Extensión Billarda e de Pena Verde seguiron outro camiño e vanse reforzar a Polka, que troca de nome en “Polka Miseria”.
-Os Carabullo (de Buxo, Toxo e Teixo) perden apelido, en adiante son so Carabullo nun tándem común moito mais consistente.
-Remourelle Bulls tamén pesca en Pena Verde e recupera o lesionado Villarino así como a Marcos (ausente na derradeira campaña) e seguen en xestións para recuperar tamén a Martiño.
Así as cousas, esta tempada serán seis os equipos que compitan polo título: dous completamente renovados e outros catro que se manteñen sen demasiados cambios mais aló da incorporación dalgunha nova fichaxe.
Disque moitos destes movementos apuntan a unha conspiración para destronar aos actuais campións nacionais, os Billardeiros Musicais, que nembargantes aguantan o tipo nesta primeira embestida e deixan a once puntos aos segundos. Non son invencibles, mais vai haber que loitar moito para destronalos.
Transcurriu a xornada de forma moi deportiva, destacándose de forma clara nas primeiras carreiras Charli, Rubén (Chainzos-Cadaval), Isma, Jorge e Santi, mais logo foron perdendo folgos e víronse superados pola regularidade de Rubén e Manu Pozo (Bill. Music.) e subliñadamente Regueiro de Troitas Bravas, que foron os que o remate se levaron o terceiro, segundo e primeiro posto respectivamente.
En donas Geni (Bill. Musicais) segue en estado de gracia e gaña aberto tras aberto, desta volta moi ben secundada por Irea (Carabullo) e Lorena (Chainzos-Cadaval).
En equipos, Billardeiros Musicais de Ribadeo, foron os mellores nesta xornada seguidos de Carabullo.
Aparte dos trofeos para os gañadores (artísticas tallas de madeira e prato conmemorativo, mais unha árbore frutal), os organizadores tiveron a ben facer entrega a cada palanador dunha planta de castaño.
As clasificacións quedan así:
1º Regueiro (Troitas Bravas) con 23 p.
2º Manu Pozo (Billardeiros Musicais) con 22 p.
3º Rubén (Billardeiros Musicais) con 22 p.
Donas
1ª Geni (Billardeiros Musicais) con 13 p.
2ª Irea (Carabullo) con 12 p.
3ª Lorena (Chainzos-Cadaval) con 11 p.
Equipos
1º Billardeiros Musicais de Ribadeo con 81 p.
2º Carabullo de Outeiro de Rei con 70 p.
3º Polka Miseria e Chainzos-Cadaval con 67 p.
A segunda xornada está fixada para o sábado 15 de outubro na Cadeira.