O pasado 31 de agosto nacía en Facebook, a partir dun grupo de curmáns, un grupo que pretende aglutinar a todas esas persoas vinculadas establemente a Ribadeo que residen en diferentes partes do mundo (nativos ou visitantes frecuentes): “Ribadenses polo mundo”. En apenas unha semana, antes de que chegase o día da Patroa, o grupo superou o centenar de membros. En poucas semanas de vida, ten membros residentes en Inglaterra, Francia, Suíza, Hungría, Italia, Australia, Castela, Aragón, Navarra, Cataluña, Valencia, Andalucía, e por suposto Asturias e Galicia. Calquera dos membros pode engadir novos membros, e o grupo é público, de modo que calquera pode velo e pedirlle a un membro que o agregue.