Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Roedores’ en Burela da man de Redrum Teatro e a AGADIC

roedoresEste sábado 15 de outubro, o Auditorio da Casa da Cultura de Burela, acollerá, a partir das 18.00 horas, unha representación do espectáculo ROEDORES, da compañía REDRUM TEATRO.

Producida co apoio de AGADIC, Roedores é unha comedia familiar con música en directo que trata o tema das desigualdades de xénero, de clase social, de oportunidades, e de dereitos, a través das aventuras dos seus protagonistas, Pelidiño e Munda, un hámster doméstico e unha rata de sumidoiro.

Está protagonizada polos actores Guillermo Carbajo e Laura Míguez e coa colaboración especial de Carlos Álvarez-Ossorio. O primeiro é coñecido polo gran público por ter sido “o neno “da serie Pratos Combinados e Laura Míguez por ser unha das integrantes da compañía de teatro Il Maquinario.

A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que dirixiu series como El Internado ou Padre Casares. Neste momento vén de presentar en varios festivais de todo o mundo a súa ópera prima Schimbare, unha longametraxe protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.

Roedores propon aos máis pequenos un espectáculo para que entendan, mentres se entreteñen, conceptos como corresponsabilidade doméstica, discriminación de xénero, estereotipos sexuais, linguaxe sexista ou machismo. E que aprendan a apreciar o valor da amizade, o traballo en equipo e a aceptación dun mesmo e dos demais.

Roedores é unha comedia escrita por Borja F. Caamaño e Alex Sampayo que foi nomeada nos pasados premios de teatro María Casares nas categorías de Mellor Espectáculo Infantil e Mellor Actriz Protagonista.

As entradas ao espectáculo serán de 2 euros, para os nenos, os acompañantes gratis .

Exit mobile version