Site icon Crónica3.com A Mariña

Teatro dos Ghazafelhos presenta ‘Contos de Lobo’ en Burela

ghazafBurela, 6 de outubro de 2016. Teatro dos Ghazafelhos presenta este sábado, 8 de outubro, en Burela Contos de lobo, un espectáculo interactivo onde se mesturan a maxia o circo ou a hipnose. Na obra participan dúas personaxes dispares pero no fondo parecidas, acordan para contar historias onde aparezan lobos…pero ao final un fai maxia, outra hipnotiza, os dous fan acrobacias…ala!! E os contos?

Mon e Pe chegan para contar contos. Ao principio fan unha entrada tan espectacular que a Pe se lle vai a cabeza e comeza a facer espectáculos de maxia e acrobacias… Mon, contundente pero didáctica, centra a situación ofrecendo ao público presente colaboración nos contos… e que colaboración!!!

Mon, eficiente, sabichona, quere que todo saia ben…É unha gran coñecedora dos contos!! Menos mal que ten autocontrol se non… Pe, tolo, despistado e impaciente quere facer maxia, ou acrobacia, ou…ai …!!Que si, que viñamos contar contos…

No espectáculo trátase a temática da boa alimentación así como a estimulación para o xogo e a participación teatral. Teatro dos Ghazafelhos é unha compañía nada na comarca de Ferrolterra no ano 2006 e creada por Montse Piñón e Pepablo Patinho. Centrándose no traballo de títeres, animación e teatro actoral especialízanse na realización de obras teatrais para público familiar. Na súa andaina realizan contacontos, mímica, títeres… e talleres de teatro para grupos infantís e de adultos.

Ghazafelhos soña con evocar nas súas historias ás grandes xenialidades que entenderon o mais efímero da vida: a infancia.

Contos de lobo é unha obra para tódolos públicos, pero recomendada para nenos e nenas de 3 a 10 anos, dentro do programa Ler Conta Moito. A función terá lugar o vindeiro sábado, 8 de outubro, ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Burela. A entrada será libre.

Exit mobile version