Site icon Crónica3.com A Mariña

Técnicos do Concello e do Consorcio da Igualdade e do Benestar visitarán o venres as obras da nova gardería de Burela

Burela, 25 de novembro de 2016. A xuntanza entre os técnicos municipais e do Consorcio da Igualdade e do Benestar terá lugar finalmente este venres, día 28. O alcalde, Alfredo Llano, espera que ademais das obras pendentes tamén se concrete o convenio que regule a xestión do centro. A visita estaba prevista para mañá, pero tivo que cambiarse para finais da semana.

O rexedor manifestou que “a nosa pretensión e a nosa intención é rematar o antes posible a nova escola infantil para que se poidan xa impartir alí as clases. Hai demanda en Burela e queremos dar resposta o antes posible”.
Alfredo Llano explicou que “íamos ter mañá a reunión, pero por unha cuestión de axenda imos pasala para o venres ás 11:00 horas. Van estar técnicos do Concello e do Consorcio e tamén é posible que vaia algún técnico dalgunha empresa para asesorar. Imos ver como se van executar as obras e como se vai facer a contratación. Estes días xa fixemos un estudo topográfico e queremos poñernos o antes posible a andar para que sexa unha realidade sobre o mes de febreiro aproximadamente. Imos concretar tamén as obras que hai que facer, como hai que facelas, canto van custar e responsabilizarnos cada unha das entidades de certas obras, o Consorcio por un lado e o Concello por outro”.

O alcalde burelés agarda “a posibilidade de que veña o xerente do Consorcio para falar tamén do convenio. Unha cousa son as instalacións e outra o convenio que temos que establecer entre o Concello e o propio Consorcio. Ese convenio que agora mesmo está en mans tamén da Fegamp, que está traballando para que sexa útil para todos os concellos. Queremos un convenio que sexa vantaxoso para o Concello e queremos formar parte da xestión. Iso queremos concretalo nun documento”.

LA BOHÈME
Alfredo Llano tamén se referiu á representación da ópera La Bohème: “foi moi grato para o equipo de goberno e sobre todo para o concelleiro de Cultura porque evidentemente demostrou ter gran capacidade para organizar este tipo de actos. Teño que dicir que con todo o que representa traer a tanta xente, o espectáculo enorme de gran calidade e de alto nivel, a gran cantidade tamén de xente que estivo alí de espectadores que se ocupou todo canto se podía ocupar, para o Concello de Burela grazas a esta gran xestión que fixo o noso concelleiro de Cultura, José Díaz, foi gratuíto para o Concello. Todos saíron e saímos moi contentos, tamén os compoñentes da compañía. Agora Imos ter a orquestra desta mesma compañía que vai vir o 25 de Nadal a dar un concerto de música clásica”.

O alcalde de Burela anunciou que “isto que aconteceu este domingo imos tratar de facelo todos os anos e loxicamente ven como resposta ao gran interese que amosou o público tanto de Burela como da comarca”. E engadiu: “dar a noraboa e moitas grazas a todo o público, que ademais tivo un comportamento extraordinariamente bo”.

Exit mobile version