Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa informa de que hoxe entra en vigor o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mondoñedo

Mondoñedo, 2 de novembro de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, informa de que hoxe, dous de novembro, entra en vigor o Plan Xeral de Ordenación Municipal, que dota ao Concello de seguridade xurídica en materia de urbanismo e favorecerá o desenvolvemento económico e urbanístico da cidade nos vindeiros anos.

A alcaldesa da localidade subliña a importancia deste documento, no que culmina un longo proceso de traballo, e que permite actualizar o planeamento urbanístico vixente ata o día de hoxe e que “era moi obsoleto xa que contaba con 38 anos de antigüidade”. A rexedora asegura que o novo PXOM “permitirá obter o máximo aproveitamento dos recursos locais”.

Neste eido, Candia informa tamén de que o Plan Xeral de Ordenación Municipal íntegro estará á disposición de quen o desexe consultar na páxina web do Concello (www.concellomondonedo.es), en concreto, na sección de servizos municipais. A rexedora explica que dende “agora xa se poden descargar os planos de información xerais de ordenación, así como a normativa e que nos vindeiros días completarase a información ata publicar o documento completo”.

Elena Candia tamén quixo agradecer de novo o traballo “feito por todos os implicados” para que o PXOM sexa unha realidade, dende o traballo do Goberno galego, dos técnicos municipais e das administracións que se implicaron nos informes, ata as decisións que se teñen tomado para chegar ao día de hoxe e o compromiso e traballo feito polos gobernos locais anteriores e polos edís que a acompañan no goberno.

Vantaxes do novo planeamento
Dentro da importancia que implica este documento para o desenvolvemento local de Mondoñedo, Candia cita que o PXOM contribuirá á posta en valor do patrimonio arquitectónico e natural do municipio, a través da delimitación do trazado do Camiño Norte; fomentando a rehabilitación a través dun novo Plan especial de protección, que renovará e ampliará o actualmente vixente; e impulsando dous novos plans especiais para os barrios de Os Muíños e San Lázaro. En canto á defensa do medio natural, o PXOM presta especial atención á Serra de Xistral-Toxiza, que forma parte da Rede Natura 2000.

Ademais o novo planeamento paliará o déficit de espazos públicos e zonas verdes de Mondoñedo. Crea o Parque do Castro –como parque arqueolóxico- e o Parque Lineal do río Valiñadares. Ademais, amplía a área deportiva de Viñas da Veiga e impulsa o equipamento cultural nos terreos do convento de Alcántara.

A maiores, o PXOM aposta por promover a actividade económica, ao delimitar áreas no solo urbano para usos de tipo industrial e comercial. Incorpora, ademais, as previsións contidas no Plan Auga, de abastecemento de Galicia, e propón a instalación de ETAP que complementen ás existentes, así como a ampliación do sistema de depuración nos asentamentos do rural.

Exit mobile version