Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación volve a ser referencia un ano máis en cultura dixital e redes sociais co #INLUGO16

Un ano máis, e xa van catro, Lugo será o epicentro das redes sociais e da cultura dixital por unha fin de semana. Os vindeiros 16 e 17 de decembro, o Pazo de San Marcos da capital lucense acollerá o tradicional Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO16, que chega á súa cuarta edición e que xa se converteu nunha das citas de referencia en Galicia e España.

O deputado de Innovación, Pablo Rivera Capón, presentou este luns a cuarta edición deste encontro, nacido co obxectivo de fomentar o uso da rede e das novas tecnoloxías entre todos os sectores da poboación e reflexionar sobre o papel das mesmas na sociedade actual. Tal e como destacou Pablo Rivera, “a Deputación leva nove anos apostando polas TIC como elemento motor de desenvolvemento, e un encontro tecnolóxico das características deste é, ademais, un escaparate de excepción para a promoción económica e turística da provincia e Galicia”. De feito, o #INLUGO vén conseguindo en cada edición ser trending topic en Twitter, o que supón unha gran proxección da provincia e do talento lucense.

Como é habitual, o congreso contará cunha ampla programación, con actividades como relatorios, debates e exposicións breves nas que personalidades e reputados expertos avaliarán os cambios de hábitos, mentalidades, formas de comunicación e estilos de vida que está provocando Internet na sociedade dos nosos días dende puntos de vista como os novos medios, o márketing, a comunicación ou a fotografía.

Elenco de luxo
A cuarta edición do #INLUGO contará con destacados expertos e figuras relevantes da rede que compartirán nesta cita os seus coñecementos cos asistentes. O fenómeno de Instagram e dos instagramers será o primeiro dos protagonistas que chegará da man de Phil González, Head of New Media AMC Networks para a península e América Latina e embaixador de marca de Sony Mobile, pero sobre todo é creador da maior comunidade de usuarios da coñecida rede social de fotografía, http://instagramers.com/, con presenza en centos de cidades do mundo e en continua expansión.

Tras el contará no #INLUGO16 con Bárbara Yuste (@byuste), xornalista e profesora na Universidad Carlos III y Camilo José Cela de Madrid y directora de http://bez.es; Javier Pedreira (@wicho), autor do blog Microsiervos e especialista en Cultura Dixital; Juan García (@blogoff), director de Escuela Bitácoras; Daniel Basteiro (@basteiro), xornalista e cofundador de El Español (@elespanol); Sebas Mouret, estudante e youtuber de éxito ou Miguel Ángel Lureña (@gominolasdepetroleo), doutor, licenciado en Ciencias da Tecnoloxía dos Alimentos e creador do afamado blog divulgativo gominolasdepetroleo.com, entre outros.

O cadro de relatores irase ampliando ata completar unha listaxe de preto de vinte nomes, cuxo perfil e traxectoria irase debullando nos vindeiros días na páxina web oficial (inlugo.com) e as redes sociais do evento, Facebook (facebook.com/CongresoInLugo) e Twitter (twitter.com/in_lugo).

Talento desde Lugo para o mundo
Este ano, o #inlugo16 ten un marcado acento lucense. Como mostra, unha das citas chaves do evento será a presentación de empresas, iniciativas e proxectos que se están a desenvolver na provincia e nos que a rede ten unha especial importancia xa que os axudan a se dar a coñecer e tamén triunfar.

A mañá do sábado estará reservada ao espazo “Lugo na Rede” onde teremos, entre outros, a Simón Cabarcos (@blindaxe_sport), director de Blindaxe Sport e ata un total de catro iniciativas que teñen as redes sociais e internet como principais impulsores.

Cuarta edición dos premios #INLUGO16
Como peche ao congreso realizarase a tradicional entrega dos Premios INLUGO. Nacidos coa intención de recoñecer o labor e o empeño posto por empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital, conta con tres categorías: Comercio, Lecer e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; e e Tecnoloxía.

A partir do 22 de novembro ás 10:00 horas poderanse presentar as diferentes candidaturas a través do formulario habilitado en inlugo.com, un prazo que se prolongará ata o luns 12 de decembro ás 20:00. Logo de finalizar o prazo, un xurado formado por membros da Deputación será o encargado de valorar as candidaturas e elixir os finalistas, que coñeceremos o 14 de decembro ás 11 horas. A cerimonia de entrega será a partir das 20 horas no marco do IV Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO16.

Como inscribirse no #INLUGO16
A inscrición será, coma sempre, gratuíta e o prazo arrincará o día 23 de novembro ás 10:00 horas. Todos os interesados poderán conseguir a súa entrada en www.inlugo.com ou www.deputacionlugo.gal. O aforo está limitado a 200 persoas, polo que as entradas se formalizarán por rigorosa orde de inscrición. O desenvolvemento destas xornadas tamén poderá ser seguido, ao igual que nas anteriores edicións, a través das redes sociais co hashtag #inlugo16 e en directo, vía streaming, grazas ao traballo dos alumnos da Fundación TIC en www.deputacionlugo.gal.

O programa oficial, as presentacións de cada un dos protagonistas e todas as novidades que se vaian dando a coñecer estarán dispoñibles nas webs www.inlugo.com e www.deputacionlugo.org, así como en Twitter (@in_lugo) e en Facebook (https://www.facebook.com/CongresoInLugo).

Exit mobile version