Deses anos, o PP gobernou durante 19, aínda o fai, só unha lexislatura se apartaron de Monte Pío. O señor Barcia dinos agora que tivo que ser Feijóo e o goberno do PP na Xunta o que trouxo esta obra. Aplaudamos. Realmente deberíamos estar moi agradecidos. Isto é o que nos queren facer ver. Máis eu non podo estar en absoluto dacordo e creo, humildemente, que as veciñas e os veciños de Burela non poden estar nin dacordo nin contentos con esta realidade.
Eu creo que mais ben están fartos. Cansados de promesas incumpridas. Si, o acceso ó porto foi unha promesa eleitoral do señor Barcia, non no ano 2015 senón nas eleccións locais de 2011, nas que o PP accedeu ao goberno municipal. Por falar do mais recente. Igual que o polígono industrial da Puida ou a Escola Infantil que está feita, pero non rematada e pola que as burelás e os burelaos van pagar mais ca noutros concellos e levan anos agardando.
Ó final todo queda en nada ou nunha chapuza, cadaquén que escolla o que lle pareza peor. E todo isto ocorre porque o Partido Popular emprega sistematicamente as institucións públicas para administrar cotas de poder, cando deberían dar servizo ó conxunto da veciñanza. Sérvense delas para apuntalar a súa rede e desenvolver o seu proxecto que non é outro que o ascenso persoal e político sen se preocupar polos problemas e as necesidades da xente do común. O interese das veciñas e veciños, os sectores produtivos, o emprego, o benestar…iso non lles importa. Por iso o acceso ó porto chega tan tarde; por iso na Mariña seguimos cunhas infraestruturas de fai 30 anos e a media xornada coma o caso da A-8; e por iso cada vez se pechan mais centros de traballo, se perde mais emprego e a mocidade escapa a fume de carozo.
Para mostra un botón. Augas de Galicia ven de anunciar convenios de colaboración con diferentes concellos. Para a EDAR de Burela cero euros. Si que hai cartos, centos de miles e nalgún caso millóns de euros, para concellos veciños, iso si, gobernados polo PP. Parece que a chantaxe é clara, ou votamos ós populares, ou as nosas augas residuais quedan sen depurar. Totalmente indigno dun goberno autonómico que di gobernar para todos.
Para dignidade xa dan mostras de sobra as veciñas e veciños de Burela. Non sabemos que opina disto último o alcalde socialista, que nunca soubo concretar nada en torno á EDAR. Pero as burelás e burelaos seguirán a traballar como fixeron toda a vida. Seguirán a pagar a auga e o lixo mais caros da volta por estar sometidos a empresas privadas sen que dende o goberno local se tomen as medidas para rebaixalos. E seguirán a celebrar fazañas deportivas fronte a rivais e organizacións que lles costa chegar ata aquí debido ás deficientes comunicacións que padecen. Todo iso vano facer con toda a dignidade coa que o fixeron ata o de agora. Sen dar as grazas, como algúns pretenden. Pero sen perder nin un ápice da dignidade do conxunto da veciñanza de Burela.
Mario Pillado Mon
Voceiro BNG Burela.