Burela, 10 de novembro de 2016. O Concello ven de abrir o prazo das axudas para material escolar do curso 2016/2017.
As bases aparecen publicadas no BOP con data 10 de novembro de 2016. “O fin é favorecer a integración sociocultural e garantir as necesidades básicas das unidades familiares con menor poder adquisitivo no ámbito da educación”, segundo explica a concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero.
A edil indica que “entre os requisitos para poder optar a estas axudas están ser alumnos empadroados en Burela cursen ou non estudos na localidade, e pertencer a familias con ingresos que non superen o 100% do IPREM no caso dun membro, ata o 125% do IPREM con dous membros, ata o 150% do IPREM con tres membros, ata o 175% do IPREM con catro membros, ata o 200% do IPREM con cinco membros, ata o 225% do IPREM con seis membros e ata o 250% do IPREM no caso de familias con sete membros”.
Patricia Otero subliña que “as solicitudes deberán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello de Burela ata o vindeiro día 25 de novembro do 2016, e estarán a disposición dos aspirantes nas Oficinas de Servizos Sociais do Concello de Burela, no Rexistro Xeral do Concello e na sede electrónica desta entidade local”.
A responsable de Servizos Sociais manifestou que “esta axuda é compatible con calquera outra que perciban polo mesmo concepto, sempre que a suma das mesmas non supere o custe global do material escolar”.