
Burela, 8 de novembro de 2016. As monitoras de Gaia do Concello burelés impartiron unha charla sobre o Cambio climático aos alumnos de 4º da ESO do IES Perdouro. “O cambio climático é un asunto preocupante na nosa sociedade, a gran maioría temos claro que é prexudicial, pero non temos tan claro a que se debe e o que é aínda máis importante, como podemos loitar contra el. Por iso dende Gaia gústanos traballar cos rapaces estes temas, é moi importante que todos loitemos activamente contra o cambio climático”, explican as monitoras de Gaia.
Noelia Mª Ben, a concelleira de Medio Ambiente, destacou que “o Acordo de París entrou en vigor o 5 de outubro, hai uns días, pero aínda están pendentes as medidas específicas que emprenderá cada país co fin de acadar manter a temperatura media mundial por debaixo dos dous graos centígrados respecto a niveis pre industriais; sen dúbida educar para a sostibilidade debería formar parte de nós se queremos que realmente haxa un cambio”.