Site icon Crónica3.com A Mariña

Balonmán Lucus 21-35 Galipizza Viveiro

O Balonmán Galipizza Viveiro fíxose co derbi provincial ante o Balonmán Lucus con autoridade (21-35), aínda que non foi ata o minuto 40 cando os mariñanos puxeron terra de por medio cun rival ao que lle pesou a súa escaseza de efectivos.

Os primeiros minutos foron de moita igualdade. Aos visitantes custoulles moito atopar o seu ritmo habitual nun ambiente bastante frío e nunha pista moi esvaradía que loxicamente prexudicou por igual aos dous conxuntos. Foron demasiadas as imprecisións e erros de recepción dos de Viveiro no primeiro tempo. Pese a todo, os de Javi Villares conseguían chegar cunha boa renda ao descanso: 10-15.

Tralo paso polos vestiarios, o Lucus empezou con moita forza e os de Keko reduciron distancias ata case a mínima expresión (15-17, minuto 35), pero aí espertaron os azuis e, coa axuda de Emilio, que lle botou o cancelo á porta visitante, fixeron un parcial de 0-11 en dez minutos que finiquitou o partido. Cun 17-30 no electrónico entrouse no último cuarto de partido, que se converteu nun intercambio de goles ata chegar ao definitivo 21-35.

O Galipizza Viveiro xa pensa agora no encontro do vindeiro sábado, no que recibirán ao Balonmán Deza no Municipal de Viveiro, a partir das 18 horas. Este será, sen dúbida, a primeira gran proba de lume para calibrar as aspiracións reais do conxunto viveirés esta tempada, xa que os lalinenses parten como un dos favoritos a conseguir o ascenso a Primeira Autonómica. De momento, o Deza suma dúas vitorias e unha derrota, esta última na sempre difícil visita a Moaña. Teñen un partido adiado diante do Ferrolterra, que disputarán o 3 decembro.

BALONMÁN LUCUS (21): Gonzalo e Melo; Gabri (2), Fente (3), Bernat (4), David (4), Alberto (3), Kevin (3) e Álvaro (2).
Exclusións: Fente e Bernat.

BALONMÁN GALIPIZZA VIVEIRO (35): Emilio e Peña; Jose Labaén (6), Carlos (3), Javi (2), Jose da Silva (2), Villares (4), Fede (4), Turbo (3), Andrés, David, Sanjurjo (5), Jacobo, Champi (1) e Aitor (5).
Exclusións: Carlos e Jacobo.

Parcial cada cinco minutos: 3-2 / 4-5 / 6-8 / 6-11 / 8-11 / 10-15 (Descanso) / 15-17 / 17-25 / 17 – 30 / 19-31 / 20-32 / 21-35.

Árbitros: Pablo Torreiro e Wallace Moreira.

Incidencias: Encontro pertencente á cuarta xornada na Segunda Autonómica disputado na Casa do Deporte de Lugo.

Exit mobile version