Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acollerá o acto central da Mancomunidade de Municipios da Mariña polo Día Internacional contra a violencia de xénero o 25 de novembro

A Mariña, 10 de novembro de 2016. Burela será escenario do acto conxunto organizado pola Mancomunidade de Municipios da Mariña para celebrar o día internacional contra a violencia de xénero o vindeiro 25 de novembro. Así o deu a coñecer esta tarde Alfredo Llano. A cita enmárcase dentro do proxecto Puntos limpos para xestión de residuos machistas, co que foi premiada hai uns meses a Mancomunidade.

Llano sinalou que “este é un proxecto que se presentou que ten moitas actividades e grandes propostas e realmente pensamos que é necesario e estase levando xa adiante de diversas maneiras. Unha delas é coa coordinación dos CIM de cada Concello a través dos profesionais que traballan con estes temas de muller, de violencia de xénero e de igualdade. Estamos tendo tamén moitas actividades nos diferentes centros educativos tanto escolas como institutos onde se imparten charlas orientativas e informativas sobre qué é a violencia de xénero, cómo evitala e sobre a igualdade”.

O presidente da Mancomunidade subliñou que “este ano temos unha proposta, algo novo que considero eu que ven indicar un pouco a responsabilidade de todos os representantes dos Concellos da Mariña que somos 16, e imos facer un acto en conxunto para os 16 Concellos que vai ser posiblemente en Burela o 25 de novembro”.

Alfredo Llano dixo que “ese día imos celebrar un día en contra da violencia de xénero e a favor da igualdade. Iso vai ser posiblemente no IES Perdouro de Burela e imos estar presentes todos os Concellos da Mariña nun acto que consideramos solidario e que ven ser representativo e no que dalgunha maneira se note o compromiso para evitar o problema da violencia de xénero e a favor da igualdade”. E engadiu: “imos ir pouco a pouco confeccionando e dando ese contido a todos estes actos que se van celebrar o 25, pero en principio destacar que ao estar aí os 16 Concellos da Mariña é en se mesmo unha boa noticia”.

Exit mobile version