Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela apoiará unha declaración do Concello de Ribadeo en demanda de melloras na liña férrea de FEVE ao seu paso pola costa luguesa

Burela, 30 de novembro de 2016. Burela apoirá unha declaración do Concello de Ribadeo en demanda de melloras na línea férrea de Feve, entre as que figuran facilitar as visitas á praia das Catedrais, potenciando deste xeito a utilización do transporte público. O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que desde Burela tamén se demandará a reactivación dos trens turísticos durante o verán, con paradas no seu apeadeiro, e avogarán pola posta en marcha de iniciativas culturais, aproveitando este medio de transporte, destinadas a colectivos como estudantes, maiores, sendeiristas, etc.

O rexedor contou que “hai uns días recibimos unha petición do Concello de Ribadeo para facer unha declaración de apoio ás melloras da liña de Feve. En Ribadeo din que buscan apoios e desde logo nosoutros ímosllo dar. Aquí algúns dos grupos políticos que conformamos a Corporación de Burela tanto o Bloque Nacionalista como o PSOE vamos apoiar esa petición dun concello veciño. Fixemos o outro día unha xunta de portavoces na que o Bloque e nosoutros dixemos que íamos apoiar esta iniciativa, e o PP non se manifestou”.

Alfredo Llano dixo que “nosoutros si que imos apoiala porque consideramos que vai beneficiar aos visitantes da praia das Catedrais, van estar doutra maneira, estarían os apeadeiros moito máis achegados a ese areal e así deterioraríase moito menos ese espazo, e facilitaría o emprego do transporte público, que vai ser o que realmente ten que importar aí para non facer grandes concentracións de vehículos. Tamén se fai outra proposta que é máis en conxunto: a reordenación de servizos ferroviarios tanto de trens regulares como de carácter específico, de transporte e incluso turísticos”. E engadiu que “imos facer unha proposta en común dos concellos por onde pasa o tren e imos aproveitar o 17 de decembro unha manifestación que vai haber en Lugo para que na nosa Mancomunidade teñamos un bo servizo”.

O alcalde burelés subliñou que “desde Burela imos facer varias propostas tamén e unha delas é facer algún tipo de acordo con Feve para facilitar algunha viaxe de varios colectivos de diferente índole, a un determinado prezo, para visitar un sitio concreto. Imos intentar favorecer a través de Feve que os nosos colectivos de maiores, de escolares, de deportistas, etc… poidan participar nunha viaxe que sexa pola comarca en Galicia e incluso en Asturias. E tamén imos plantexar a realización de viaxes escolares con contidos culturais ou paisaxísticos para apreciar o que é o transporte público e chegar a algún sitio vendo a paisaxe dunha maneira moi diferente. Cremos que hai que activar o tren e darlle contido”.

O rexedor incidiu en que “tamén vai haber unha proposta do Concello de Burela, que xa se ten levado adiante hai uns anos, que é favorecer os trens turísticos no verán para que a xente visite lugares singulares do noso concello. É unha proposta que funcionou perfectamente e era moi boa para a xente que visita o pobo, pero tamén para a que ten algún tipo de negocio, sempre hai que buscar a maneira de dar motivación para que a xente pare en Burela”.

Llano concluíu: “por un lado imos apoiar a iniciativa do Concello de Ribadeo, pero por outro lado aproveitámola para facer as nosas propostas para que o tren gañe en servizo e toda a Mancomunidade da Mariña gañe en prestacións”.

Como presidente da Mancomunidade Alfredo Llano levará ao pleno do vindeiro 12 de decembro este asunto, o da situación do tren que atravesa o litoral e as demandas que teñen os municipios de Ribadeo e de Burela.

 

Exit mobile version