Algunha nova incorporación nos equipos así como a visita dun puñado dos nosos compañeiros da conferencia NorOeste, fixeron que a xornada fora extraordinaria e moi competida, destacando o debutante Carlos (nas listas de “Billardeiors Musicais”) e subliñadamente o supcampión nacional Xosé Collazo (do equipo “Campo da Feira” de A Laracha), que hoxe en A Pontenova, ergueu seguro o palán e acadou a navalla de Campión superando con 23 puntos a un terceto de perseguidores (Rubén, Daniel e Rubén), que non llo puxeron doado mais quedaron con candanseus 22 puntos.
No desempate a tres carreiras, o mais regular foi Rubén de “Chainzos-Cadaval” que se fixo co segundo posto e Daniel de “Billardeiros Musicais” acadou terceiro.
Algo ten esta pista de xogo, aparentemente fácil para o desprazamento das billardas, pero non foron poucas as que fortemente zoupadas non buscaron o varal, senón que se desviaron cara os altivos fornos que permaneceron impasibles ante o bombardeo constante de algún dos palanadores co punto de mira escangallado.
A xornada foi transcurrindo axilmente, mais os seis grupos, de once e doce xogadores cada un, fixeron que se alongase algo mais do que sería normal. O sol nembargantes seguiu o seu propio ritmo e cando lle chegou a hora marchou dando paseniñamente paso a noite, os fornos acendéronse acrecentando sua beleza e nos seguimos xogando os desempates finais con pouca luz pero cas mesmas gañas e furtivamente de esguello, ollando ós arrogantes fornos que presiden a praza.
En donas, Lola Eiras tivo unha fenomenal xornada e foi quen de empatar ca vixente campioa nacional Geni e nun apaixoante desempate a dúas carreiras, superala, para deste xeito facerse ca navalla e proclamarse “raíña do ferro 2016”. Terceira foi Irea que parece collerlle gusto os postos de honra e repite tamén podio.
En equipos, mais unha volta, os sempiternos Billardeiros Musicais de Ribadeo, someten con tiranía ao resto de equipos, sóo os de Chainzos-Cadaval e de Carabullo parecen ter alguna opción fronte os campión nacionais. Pero de momento siguen a perder puntos cada xornada.
Ainda que se agardaban mais, hoxe os puntos de mira dos palanadores non estiveron finos e so se fixeron dous tiros directos. Migho de “Carabullos” fixo o primeiro e manda na categoría de varados, o outro foi por conta do especialista de A Laracha, Collazo.
Cas afamadas e artesanais navallas, da firma do maestro Rodil, foron agasallados os primeiros clasificados (absoluto, donas e mais equipo). Os segundos recolleros un tarro de mel e un cestiño de castañas, para os terceiros un cestiño de castañas.
As clasificacións quedan así:
Absoluta
1º Rubén (Billardeiros Musicais) 57 p.
2º Rubén (Chainzos-Cadaval) 54 p.
3º Santi (Carabullo) 54 p.
Donas
1ª Geni (Billardeiros Musicais) 48 p.
2ª Irea (Carabullo) 34 p.
3ª Lorena (Chainzos-Cadaval) 32 p.
Equipos
1º Billardeiros Musicais, Ribadeo 242 p.
2º Chainzos-Cadaval,Castro de Rei 220 p.
3º Carabullo, Outeiro de Rei 203 p.
Varados
Migho (Chainzos-Cadaval) 3
Pepe Outeiro (Chainzos-Cadaval) 1
Santi (Carabullo) 1
A cuarta xornada corresponde disputala en San Miguel, será o sábado 12 de novembro, si o tempo o permite no campo das Balgas (ao carón do campo de fútbol) senón, no pavillón de deportes. Cada volta somos mais! Anímate e xoga con nos! Billarda sempre e adiante co Varal.