Site icon Crónica3.com A Mariña

Cortado o tráfico na rúa Irmáns Vilar Ponte

O Concello de Viveiro comunica que dende este mércores, 23 de novembro, quedará cortado o tráfico, tanto peonil como rodado, da rúa Irmáns Vilar Ponte por mor das obras incluídas no proxecto “Pavimentación e servizos na rúa Irmáns Vilar Ponte no tramo entre Luís Trelles e a praza de Juan Donapetry”, iniciadas o pasado 15 de novembro.

O obxecto destas obras, que forma parte do proxecto conxunto de remodelación do Casco Histórico xa iniciado polo goberno do PSOE en anteriores lexislaturas con outras obras executadas, consiste na realización das actuacións necesarias para a reposición do pavimento e restitución dos servizos urbanos existentes na rúa Irmáns Vilar Ponte no tramo comprendido entre a rúa Luís Trelles e a praza Juan Donapetry; actualmente, a rúa Irmáns Vilar Ponte dende a praza de Santa María ata a rúa Luís Trelles encóntrase totalmente saneada, estando pendente o tramo a executar para deixar este vial do Casco Histórico de Viveiro totalmente saneado en canto a pavimentación e servizos.

Ditas obras de xeito máis detallado consistirán no seguinte:

1. Levantado do pavimento e instalacións existentes.

2. Dotación de servizos: Restitución da rede de saneamento e de abastecemento de auga, dado que as actuais redes encóntranse deterioradas e resultan insuficientes para garantir as necesidades actuais (aumento da sección dos tubos que forman a rede de evacuación de augas residuais, saneamento da rede de pluviais existente mellorando a ubicación dos sumidoiros ao longo do vial, aumento da sección da rede de subministro de auga potable), así mesmo procederase á canalización da instalación telefónica e eléctrica eliminando todo o cableado que na actualidade discorre grapado polas fachadas.

3. Reposición do pavimento con losetas de granito e adoquín granítico.

4. Acondicionamento da praza Juan Donapetry: Pavimentación e reorganización da praza co obxectivo de homoxeneizar pavimentos e igualar a cota entre o vial e a praza, mellorando así a accesibilidade dos viandantes.

Exit mobile version