Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz celebra a Festa da Palabra

A Asociación Socio Cultural A Pomba do Arco vai organizar o 14, 15 e 16 de Novembro unha nova edición da Festa Palabra, encontro literario musical arredor da poesía, que tenta achegar a creación literaria ao grande público e de xeito moi particular unha linguaxe minorizada como é a linguaxe poética. A Festa da Palabra, recuperada felizmente o pasado ano, após unha paréntese de 14 anos, celebrarase na salón de exposicións do CENIMA de Foz, comezando os concertos e as exposicións ás 20:30.

Os actos arrancan o luns Novembro 14 ás 20:30 no salón de exposicións do CENIMA de Foz cun concerto de rock a cargo do grupo “Fran Amil e a tribo incomprensíbel” que presentaran o seu disco “ A voz do vento”, libro CD editado pola Mesa pola Normalización Lingüística, que musica diversos poemas do poeta chairego Manuel María. “A Voz do vento”, recolle once composicións dos poemarios Terra Chá, Proba documental, Aldraxe contra a xistra, Cantos rodados para alleados e colonizados, Versos do lume e o vagalume, A luz resucitada, As lúcidas lúas do outono e Sonetos á casa de Hortas, musicados por Fran Amil e a súa banda composta por Aarón Bouzón, Álex Bardanca, Fran Amil, Paco Cerdeira e Ricardo Casás. Arrancar este ano cun concerto sobre poemas de Manuel María non deixa de ser unha homenaxe a este autor, tan querido por nos, primeiro socio de honra da Asociación Cultural A Pomba do Arco.

O martes 15 de Novembro ás 20:30 no salón de exposicións do CENIMA de Foz recitará os seus versos a poeta Marica Campo, persoa moi vinculada á Mariña de Lugo, onde residiu varios anos e onde exerceu como mestra.+ Marica Campo é autora dunha longa obra literaria que abarca os diversos xéneros, destacando como narradadora, onde publicou títulos como Confusión e morte de María Balteira, Memoria para Xoana ou Onde houbo lume, e tamén como poeta. Neste campo publicou os poemarios Tras as portas do rostro, Pedinche luz prestada, Sextinario: trinta e seis + tres ou Abracadabras. A obra poética de Marica Campo mereceu varios recoñecementos literarios como o premio de Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Literatura Infantil e Xuvenil no 2007 ,Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Poesía no 2008 ou o Fiz Vergara Vilariño, asemade algunhas das súas composicións foron musicadas por grupos como “Fuxan os Ventos” ou “A Quenlla”.

O actos fecharanse o mércores 16 de Novembro ás 20:30 no salón de exposicións do CENIMA de Foz co recital doutra persoa moi vinculada A Mariña, como é o xornalista Miguel Sande, Delegado de “La Voz de Galicia” na Mariña. A obra literaria de Miguel Sande abrangue diversos xéneros literarios, destacando na narrativa obras como Se algún día esta muller morta, ou A vida fóra e no teatro publicacións como Á alba pide conmigo vivir, Ninguén chorou por nós, 39 veces chao, Elas, que din. No campo da poesía é autor de Palabras para despois da tose, Como a nudez escura da auga, A traxectoria caótica do péndulo, A palabra soterrada e Hoxe, que vén o vento do sur. A obra literaria de Sande mereceu diversos recoñecementos literarios como o Premio de teatro Rafael Dieste, o Premio Repsol de narrativa breve ou este mesmo ano o Premio García Barros asemade algunhas das súas obras dramáticas como Ninguén chorou por nós foron levadas a escea, neste caso pola compañía teatro Bruto.

Exit mobile version