Pedro Fernández Manín explicou: “hoxe, aproveitando o bo tempo, decidimos facer unha visita aos alumnos do obradoiro Pardo de Cela III, que comparten os concellos de Foz, Mondoñedo, O Valadouro e Alfoz, concretamente ao módulo que está actuando no municipio focense, que é o de silvicultura, formado por 10 persoas: cinco veciños de Foz e cinco de Mondoñedo. O que lles toca no proxecto é limpar as beiras dos ríos Centiño e Alemparte, que realmente necesitaban unha limpeza e a verdade é que é moi meritorio o traballo que están facendo nunha situación bastante complicada, con moita maleza. Os traballos están quedando moi ben e estamos moi contentos. Sobre todo nesta escola obradoiro que compartimos catro concellos o importante é a boa coordinación entre os responsables dos obradoiros e os dos concellos; e a verdade é que está habendo unha moi boa coordinación”.
O concelleiro engadiu que “o módulo que afecta a Foz e Mondoñedo comezou a traballar a finais do mes de setembro en Mondoñedo, actuando sobre varias áreas recreativas, e neste momento está a facelo nas marxes do río Centiño. O outro módulo, que é o de O Valadouro e Alfoz, tamén leva un sistema parecido”.