Site icon Crónica3.com A Mariña

Llano e Campos asinan un convenio de colaboración para a mellora da iluminación pública exterior das instalacións municipais

Burela, 22 de novembro de 2016. O alcalde, Alfredo Llano, asinou este martes un convenio co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, en materia de eficiencia enerxética para proceder á mellora da iluminación pública exterior das instalacións municipais. A achega da institución provincial ascende a 16.000 euros.

O rexedor contou que “achegueime á Deputación para asinar un convenio de colaboración entre o organismo provincial e o Concello de Burela para unha actuación de eficiencia enerxética, concretamente para a instalación de iluminación pública exterior nas instalacións municipais. Trátase de que cando as luminarias están obsoletas ou ocasionan moito consumo eléctrico hai que substituílas por outras moito máis eficaces e que cumpran o cometido de aforrar consumo de enerxía”.

Alfredo Llano dixo: “parécenos moi importante este convenio, que contempla unha axuda económica de 16.000 euros para levar adiante este proxecto que se acometerá no centro da localidade. Nunha das zonas nas que se actuará será no exterior da praza de abastos. Alí hai unha luminarias que están xa moi obsoletas e vamos substituílas por outras con tecnoloxía LED case seguro”.

Para o alcalde burelés estamos diante de “boas noticias, porque contribúen a dar estética e eficacia enerxética ao pobo e ademais aforrar bastantes cartos ao longo do ano. Isto é o que se pretende e se consegue con estas actuacións. Polo tanto estamos satisfeitos por ter firmado este convenio, que penso que vai dar bo resultado e vamos tratar de acometelo xa antes de que finalice este ano”.

Exit mobile version