Site icon Crónica3.com A Mariña

Mariluz Álvarez felicita ao Observatorio da Mariña pola Igualdade polo Premio da Crítica 2016

Ribadeo, 21 de novembro de 2016. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra felicita ao Observatorio da Mariña pola Igualdade polo premio que vén de recibir na trinta e nove edición dos Premios da Crítica 2016 na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas.

O Programa ConCiencia, Observatorio da Mariña pola Igualdade e Numax Sociedade Cooperativa Galega foron as finalistas. O xurado salientou que “esta iniciativa afonda no traballo necesario pola igualdade de xénero dando visibilidade ao esforzo das mulleres desde o campo literario ao científico. O xurado considerou, así mesmo, o esforzo engadido de xestar unha iniciativa cultural destas características na Mariña. A confluencia da muller, a lingua minorizada e a marxe xeográfica confire a este proxecto un carácter de múltiple subalternidade que consideramos digno de ser centro da nosa atención”.

A edil nacionalista sinalou que “desde o nacemento no ano 2008 do Observatorio da Mariña pola Igualdade, como asociación feminista de carácter comarcal, levamos vendo como o seu activismo social foi quen de traspasar as propias lindes da comarca converténdose nunha organización referente no ámbito galego. Desde o Concello de Ribadeo vimos colaborando con esta entidade en multitude de actividades e de feito integra o Consello Municipal das Mulleres desde hai tempo”.

Álvarez Lastra indicou que “o seu dinamismo coa innovación de proxectos, como o trivial feminista, a creación dunha axenda feminista, as charlas- café sobre temas de actualidade, os concertos Músicas e letras en feminino, que se desenvolveron en Ribadeo nas últimas edicións, o vídeo-forúm que fai en colaboración coa UNED que este ano chega a súa última edición e desde logo esa tarefa de denuncia e crítica das discriminacións existentes na Comarca”.

A concelleira de Igualdade dixo: “noraboa ao Observatorio da Mariña pola Igualdade por visibilizar a causa feminista e traspasar os límites da Mariña”.

Exit mobile version