A doenza do poeta ía moi avanzada; vencendo os atrancos desprazouse dende A Coruña ata a súa amada carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei e alí, a carón do monolito que había uns anos se erixira na súa honra, recibiu a homenaxe íntima de pouco mais dunha ducia de amigos cos que vivíu a ledicia da obra recuperada; logo imos á casa e o cronista, por derradeira vez, sentouse na cadeira da cociña central.
Pasados anos voltamos á noble casona, xa feita museo, na que se realizou unha fermosa obra conservando a personalidade e o engado da vella casa labrega, fondamente enraiñizada no lugar, rodeada da horta e árbores que o Poeta da Terra Chá amaba profundamente e que cantou ó longo da vida: o cedro xigante e poderoso; a claudeira; a cerdeira e a mazaira; a grande e frondosa nogueira; o loureiro “feito de luz e vento namorado”; a pereira vella… e a palleira, convertida en acolledor auditorio. Fiel ó espíritu,a casa mantén vivo o recordo do poeta: habitación e a cama en que naceo; o coarto do reloxio de parede co despacho e a vetusta máquina na que mecanografou centos de poemas; as coleccións de navalliñas, de estilográficas e de reloxios; cadros no seu día agasallo de grandes artistas da terra; os poemas a Saleta e a cada rincón da casa; os 14 mil volumes da biblioteca: en lugar preferente “Versos florecidos en louvanza de Foz” e diversas referencias gráficas e literarias da súa relación coa vila. A visita resultounos moi emotiva.
“ A casa e o seu entorno amurallado/ erguido con paciencia e sentidiño/eran un mundo antergo e pequeniño/ e un feliz universo desexado…” (de “Sonetos á casa de Hortas”).
Suso Fernández