O BNG critica a suba impositiva que ven de aplicar o goberno municipal do PSOE no último pleno municipal. O portavoz do BNG, Mario Pillado, afirmou que o IBI (Imposto sobre Bens Inmobles), máis coñecido como “contribución” verase incrementado o próximo ano debido á suba que acaba de aprobar o PSOE. A modificación da ordenanza fiscal que regula o IBI, contempla unha suba de case un punto porcentual, do 0,40 actual ao 0,48%.
En palabras de Pillado, “é unha mala nova para o conxunto dos veciños e veciñas de Burela, que verán incrementados os tributos que pagan polas súas vivendas o próximo ano, a pesar da redución do valor catastral da maioría dos inmobles do Concello, tras a última revisión efectuada polo Catastro”.
O portavoz nacionalista mostrouse moi crítico con Alfredo Llano, quen anunciaba hai uns meses a baixada do IBI para 2017, despois da revisión do valor catastral solicitada polo propio PSOE e dixo non entender a suba aprobada polo goberno municipal. “Se temos en conta o valor actual da vivenda, debería baixar a carga impositiva para a maioría dos veciños e veciñas, mentres que coa suba aprobada do 0,08%, que representa un 20% do valor anterior, o Concello ten previsto un incremento duns 350.000€ na recadación do IBI o próximo ano” indicou Pillado.
O máis grave de todo é a forma de actuar do Sr. Alcalde, que convocou o pleno tarde, mal e arrastro. “Non é de recibo actuar deste xeito, convocando un pleno extraordinario con carácter de urxencia para debater un tema que xa se coñecía desde hai meses e que mesmo se comunicou hai unhas semanas aos veciños e veciñas, mesmo antes de ser aprobada a suba do IBI en pleno”.
Aprobada a exención nas taxas polos dereitos de exame a persoas paradas, a proposta do BNG
Un dos aspectos positivos do pleno foi a derogación das taxas que estaban obrigadas a pagar as persoas desempregadas que quixesen concorrer a algunha proba de acceso convocada polo Concello. O grupo municipal do BNG foi moi crítico con esta taxa aprobada polo anterior goberno do PP, e xa presentara iniciativas hai máis dun ano para a modificación desta ordenanza fiscal, que era totalmente inxusta coas persoas desempregadas.