Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz solicita que se arranxe a Casa da Cultura e que se amplíe a biblioteca

Foz, 22 de novembro de 2016. O BNG de Foz presentará no pleno do próximo xoves 24 de novembro unha moción para buscar solucións á tripla problemática á que se enfronta a Casa da Cultura Poeta Manuel María, isto é o deterioro do inmóbel polo paso do tempo e a falla de mantemento, a infrautilización de determinados locais e, aínda que semelle contraditorio, a falta de espazo para prestar debidamente algúns servizos.

A concelleira nacionalista Teresa Rego afirmou que “o deterioro do inmóbel non só é patente na fachada, senón que fica claro nos diversos andares do edificio. Así na planta baixa, onde se sitúa o salón de conferencias, son evidentes os estragos na cuberta de madeira e no escenario, debido a acción da polilla, poñendo mesmo en risco a seguridade dos que utilicen esta zona do salón. Os problemas de humidade son ben visíbeis no primeiro e no segundo andar, onde a pintura ten caído en diversos puntos da parede, sobresaíndo as goteiras existentes tanto na planta dedicada a biblioteca como na estancia onde se atopaba a antiga sala de exposicións”.

As nacionalistas denunciaron que “a Biblioteca Pública Ramón Salgado Toimil, situada no segundo andar da Casa da Cultura, ten unha notábel falta de espazo que imposibilita desenvolver moitas actividades e que obriga a que outras non se poidan realizar coas garantías debidas. Asemade esta falta de espazo afecta á propia organización dos fondos bibliográficos, até o punto de que a día de hoxe son moitos os volumes que non se poden consultar na biblioteca por non dispoñeren de espazo. Esta falta de espazo no segundo andar choca coa infrautilización do primeiro, onde se atopan libres varias estancias, particularmente unha sala ampla como era o antiga sala de exposicións, na que non se realizan actividades desde a apertura do CENIMA”.

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego na súa moción solicita que se aposte por unha redistribución de usos e unha restauración urxente na Casa da Cultura que faga posíbel que o Concello de Foz conte cunhas dotacións culturais dignas, na medida que isto necesariamente vai contribuír a unha mellora nas prestacións e nos servizos culturais para a veciñanza de Foz. Nesta liña defenden en primeiro lugar que se proceda a aumentar o espazo dedicado a biblioteca trasladando o fondo infantil e xuvenil da biblioteca ao primeiro andar, concretamente ao espazo onde se atopaba a antiga sala de exposicións, desenvolvéndose alí as actividades dirixidas a nenos e nenas e converténdoa de facto nunha sorte de biblioteca infantil e xuvenil. Asemade demandan que o espazo ocupado polo fondo infantil e xuvenil da biblioteca no seu actual emprazamento no segundo andar sexa recuperado para situar nel parte dos volumes que a día de hoxe non poden ser consultados para carecer de espazo. Xa por último reclaman que se proceda a arranxar as goteiras, actuar contra a humidade, mudar aquela madeira afectada pola polilla e pintar a fachada da Casa da Cultura Poeta Manuel María, ao mesmo tempo que se garante un mantemento continuado por parte do Concello.

Exit mobile version