Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Viveiro propón a mellora dos servizos de atención psicolóxica, información e inserción laboral das mulleres

Viveiro, 21 de novembro de 2016. O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro ven de rexistrar no Concello unha proposta de declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día contra a Violencia Machista, na que se promove o recoñecemento do termo Feminicidio e se insta ao goberno do Estado e ao Parlamento galego a iniciar os traballos para desenvolver o Estatuto de Vítima de Feminicidio porque, aseguran @s nacionalistas “Xulgamos fundamental a inclusión do termo “Feminicidio” como concepto estrutural que dá conta da violencia específica que sofren as mulleres só por seren mulleres”. Unha proposta de declaración na que tamén se esixe a mellora dos servizos de atención psicolóxica, información, inserción laboral recollidos na Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero e na que se garanta que o servizo 016 de atención as mulleres estea operativo e con medios reais durante todos os días do ano as 24 horas do día.

A loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, polo que o BNG de Viveiro invita á corporación municipal a que tome en consideración esta proposta no primeiro pleno que vaia celebrar e acorden por unanimidade a aprobación dunha declaración institucional neste senso, porque a violencia machista é un dos máis graves problemas a que nos enfrontamos hoxe en día na nosa sociedade e aínda que nos últimos tempos se avanzou na visibilización dalgunha das violencias contra as mulleres, grazas ao traballo de mobilización e concienciación dos diferentes movementos de mulleres, cómpre avanzar e mellorar o marco legal actual que, despois de moitos anos de aplicación, é insuficiente, en moitos casos por limitación de recursos e orzamentos, así como avanzar no apoio económico, psicolóxico e social e realizar un labor preventivo e educativo moito maior.

Exit mobile version