Cervo, 8 de novembro de 2016. O Concello de Cervo está a piques de rematar a mellora que leva a cabo na depuradora instalada no polígono de Cuíña en San Cibrao. O investimento ascende a 148.554 euros, do que a maior parte é financiado pola Xunta. O alcalde, Alfonso Villares, e a concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, visitaron este martes as obras.
Alfonso Villares engadiu que son “unhas obras que teñen como obxectivos principalmente mellorar a optimización do funcionamento da planta, tamén corrixir algún problema existente que fomos vendo nestes anos e ademais a prevención de futuras avarías que nos poderían supoñer no futuro un custe de reparación elevado ou máis danos incluso dos que nun principio puidemos ter detectado”.
O rexedor cervense declarou que “despois de facer unha visualización das deficiencias e tamén das necesidades que vimos nesta planta, a verdade é que con todas estas actuacións que estamos acometendo o que imos conseguir vai ser mellorar a eficiencia desta estación depuradora tanto desde un punto de vista enerxético como tamén desde un punto de vista de rendemento da depuración, porque imos aumentar o caudal que a instalación é capaz de tratar con respecto ao que nestes momentos pode asumir”.
Villares asegurou que “con estes traballos tamén imos previr, con pequenos arranxos que se fixeron, danos maiores en elementos claves desta depuradora. Todos estas obras ao final redundan nun aspecto que é o máis importante de todos: a preservación e o respecto medioambiental”.