Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo remata as obras de instalación dun ascensor na Casa do Mar en San Cibrao

casa-mar-cerCervo, 7 de novembro de 2016. O Concello de Cervo ven de rematar as obras de instalación dun ascensor na Casa do Mar de San Cibrao. O investimento ascendeu a 21.000 euros e foi integramente financiado con fondos municipais.

O alcalde, Alfonso Villares, anunciou este luns: “rematamos unhas obras que estivemos facendo durante estes meses na Casa do Mar de San Cibrao e que consistiron na instalación dun ascensor neste edificio que está xestionando o Concello de Cervo. Son obras que consideramos necesarias por canto que este ascensor vai posibilitar o acceso ás distintas plantas que ten este edificio e polo tanto vai permitir que todo tipo de persoas, aquelas sobre todo que poidan ter problemas de mobilidade, poidan acceder a este edificio público”.

Alfonso Villares lembra que “é un edificio que foi adquirido polo Concello xa fai tres anos, despois de moita reivindicación ao Estado, e que desde a súa posta a disposición por parte do Concello de Cervo xa foron numerosas as obras que levamos feito no seu interior. Foron obras, por unha parte, para instalar nese edificio a escola infantil municipal; tamén fixemos hai uns meses o acondicionamento do salón de actos, onde se realizan múltiples actividades deportivas e culturais que organiza ben o Concello ou algunha asociación do municipio”.

Villares salienta que “esta obra vai permitir a accesibilidade ás dúas plantas que ten, mirado ademais sobre todo desde o punto de vista de que na parte superior deste edificio ten a asociación de xubilados Terra Mar posta a súa sede; e polo tanto para facilitar o acceso ás persoas maiores que pertencen a esta asociación foi polo que tamén fixemos o máis rápido posible esta obra”.

O rexedor cervense subliña que “o financiamento foi única e exclusivamente municipal. Foron máis de 21.000 euros con fondos propios os que tivemos que dispoñer para levar adiante esta actuación. É unha obra máis que necesaria, sobre todo pensando en todas as persoas que acoden a este edificio e, como non, para os nosos maiores que pertencen a asociación de xubilados Terra Mar”.

Exit mobile version