Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo repartirá neste curso 3.750 euros en axudas para os colexios e o instituto do municipio

Cervo, 10 de novembro de 2016. O Concello de Cervo repartirá no actual curso escolar 3.750 euros en axudas para os colexios e o instituto que hai no municipio.

A concelleira de Educación, Dolores García Caramés, anunciou este xoves que “o Concello de Cervo neste curso escolar volverá outorgar axudas ás entidades educativas a través dunha liña de subvencións que se mantén no tempo. En concreto, este apoio vai dirixido aos colexios do concello e ao instituto Marqués de Sargadelos. As entidades poderán sufragar a realización de actividades ou gastos xerais de funcionamento, mantemento e mellora”.

Dolores García especificou que “o goberno local ten previsto repartir 3.750 euros en total entre estas entidades, que poderán destinar estes fondos a diferentes actuacións: por unha banda poderán sufragar actividades educativas, recreativas e culturais ou calquera outra que vaia dirixida á comunidade escolar, pero tamén gastos xerais de funcionamento, conservación, mantemento ou reparacións menores; en definitiva, todas aquelas iniciativas ou proxectos que beneficien directamente aos alumnos ou por extensión á comunidade educativa. Os centros teñen de prazo ata o día 12 de decembro para presentar as solicitudes acompañadas da documentación”.

A edil engadiu que “con estas subvencións pretendemos apoiar a educación no noso Concello. Neste caso pensamos na escola e na comunidade educativa, pero tamén destinamos fondos para as familias, que se poden beneficiar das subvencións para transporte escolar e para material e libros en educación infantil, axudas que xa foron dadas a coñecer anteriormente”.

Exit mobile version