Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo suprime postes eléctricos e de telefonía no Guioncho cun programa de embelecemento que seguirá polo resto do municipio

postesguionchoCervo, 4 de novembro de 2016. O Concello de Cervo ven de rematar a supresión de postes eléctricos e de telefonía no Guioncho, na parroquia de Lieiro, dentro do programa de embelecemento que seguirá polo resto do municipio. No burgo do Guioncho elimináronse seis postes e o alcalde, Alfonso Villares, anuncia que xa tivo conversacións coa eléctrica Begasa e as empresas de telefonía para que en futuras instalacións tenten soterrar as liñas.

Alfonso Villares explicou hoxe que “desde o Concello de Cervo estamos a levar adiante un proxecto que nós consideramos moi positivo e moi interesante. Trátase de embelecer o noso municipio, as distintas aldeas e tamén os cascos urbanos do concello de Cervo”.

O rexedor cervense engadiu que “son accións sobre todo para eliminar o maior número de postes eléctricos e de cable de telefonía que temos ao longo do concello. Neste caso actuamos no burgo do Guioncho, onde aproveitamos e fixemos os cambios do tendido da luz municipal aos postes que están preto, que son de Begasa. Con iso o que conseguimos é poder eliminar eses postes de luz que estaban instalados dobremente, xa que por un lado estaban os de Begasa e por outro os do Concello. Deste xeito eliminamos os do alumeado público municipal”.

Villares asegura que “é algo que imos seguir facendo ao longo destes próximos anos de goberno en todas as vilas do noso concello. Esta actuación vén a través de distintas negociacións que xa estamos mantendo tanto con Begasa como coas empresas de telefonía tamén para que calquera nova instalación que pretendan facer eles previamente haberá unha negociación co Concello para tratar de soterrar o maior número de liñas telefónicas e eléctricas”.

O alcalde considera que “é algo moi positivo para o noso concello por ese embelecemento, tamén para que o ornato público sexa máis agradable para todos e sen dúbida ningunha ten un aspecto medioambiental ao que eu creo que tamén favorecemos con este tipo de actuación. Xa rematamos no Guioncho, ao eliminar seis postes dos que tíñamos e que nós considerábamos innecesarios, e é unha acción que imos seguir repetindo ao longo destes próximos anos”.

Exit mobile version